LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Cara territorios máis resilientes: experiencias en innovación social, emprendemento e posta en valor do patrimonio rural no País Vasco.


O venres 15 de marzo o consorcio do proxecto PAISACTIVO, financiado polo programa INTERREG POCTEP, desprazouse ata o municipio de Kuartango para coñecer Kuartango lab, un proxecto resultado do proceso de Recuperación Integral do Antigo Balneario de Zuhatzu Kuartango e que está orientado a favorecer o asentamento de distintas iniciativas ligadas a criterios de innovación social e emprendemento.

Tivemos ocasión de coñecelo acompañados de Ander Larrinaga da Deputación de Álava, de Iván del Caz, cofundador de Bikonsulting e Director de Rural Citizen, que se encarga de dar forma ó espazo de coworking e dinamizalo; e de Miren Meabe, alcaldesa de Kuartango, que segue a apostar polo proxecto cun novo espazo de coliving no edificio.

Da man de Miren e Esther Durana (ADR de Añana) tamén coñecemos a asociación GAITTUN Elkartea, un colectivo creado por e para mulleres, orientado ó empoderamento das traballadoras do campo e do mar, que tenta dar apoio as novas entrantes, e de poñer en valor o traballo das mulleres na historia do sector primario vasco. No propio Kuartango lab, pódese atopar unha exposición adicada a elas.

Xa na xornada de tarde realizamos unha visita o “Valle Salado de Añana”, un conxunto cultural, paisaxístico, medioambiental, arquitectónico, e arqueolóxico, que conta entre outros recoñecementos co SIPAM (Sistema Importante do Patrimonio Agrícola Mundial) outorgado en 2017 pola FAO.

Esta visita, xunto con outras actividades previstas en PAISACTIVO, enmárcanse na primeira fase do proxecto, que busca un mellor coñecemto e intercambio de experiencias con casos inspiradores europeos. A finalidade última é identificar e capitalizar boas prácticas de activación de zonas rurais de cara a conseguir territorios máis resilientes.