Continuando coas visitas de estudo no marco do proxecto
PAISACTIVO, o venres 5 de abril o equipo desprazouse ata a parte noroeste dos Alpes italianos, a Ostana, no val do río Po, fronte ao monte Monviso a unha altitude entre 1.000-2.000 m. O interese desta experiencia reside no proceso acontecido de renovación arquitectónica de calidade, xunto co proxecto colectivo que busca condicións de vida mellor para os habitantes, o desenvolvemento de proxectos culturais, actividades agrogandeiras, xestión forestal e a utilización de enerxías renovables. Este modelo de rexeneración alpina foi partícipe do proxecto europeo
Smart Rural 21.
Acompañados por Laura Cantarella, vicepresidenta da
Cooperativa comunitaria Viso a Viso, comprobamos "in situ" a coidadosa rehabilitación do espazo público e privado, mentres que relataba o proceso de rexurdimento de Ostana, os obstáculos atopados e os retos futuros. Visitamos os espazos colectivos do edificio Lou Pourtoun dedicados a diferentes servizos socio-comunitarios e de coworking. Serena Giaudo, fundadora da empresa L'orto di Ostana baseada no cultivo biolóxico certificado, compartiu a súa experiencia como nova entrante na agricultura. Con ela coñecemos os problemas de minifundio e fragmentación cos que se enfrontan os agrogandeiros e como o municipio actúa de intermediario na xestión da propiedade.
Na xornada de tarde tivemos a oportunidade de reunirnos con Silvia Rovere, alcaldesa de Ostana. Abordáronse aspectos relacionados coa financiación municipal, os servizos básicos e a mobilidade, así como a importancia da aliñación da inversión pública e privada para o desenvolvemento de actividades económicas en contornas coma esta. Concluímos o día cunha excursión pola parte alta do municipio e ruta a pé na Reserva da Biosfera transfronteiriza de Mont-Viso, declarada no ano 2014 pola UNESCO e pertencente á
Rede Mundial de Reservas da Biosfera de Montaña.
A experiencia en Ostana resulta un caso moi oportuno como inspiración na identificación e capitalización de boas prácticas nesta primeira fase do proxecto PAISACTIVO.
PAISACTIVO é un proxecto cofinanciado polo Programa de Cooperación Interreg VI para España – Portugal (
POCTEP) 2021-2027.