LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras


O Grupo Operativo TERRACTIVA ven de publicar unha recompilación de experiencias inspiradoras a nivel europeo sobre como facilitar o acceso á terra agraria tanto a novos/as entrantes (persoas alleas ó sector agrario con intención de incorporarse ao mesmo) como a explotacións existentes que non contan cun relevo garantido. A compilación de experiencias demostra o carácter estratéxico deste grupo de agricultoras/es emerxentes ao tempo que ratifican a necesidade de xerar ferramentas que faciliten a abordaxe dos principais desafíos que enfrontan.

Dende o Reino Unido, pasando por Austria ou Galicia, detállase como cada rexión desenvolve unhas ferramentas propias motivadas polas distintas realidades que enfrontan. Así mesmo, recolle tamén os distintos instrumentos de mobilidade e de xestión e recuperación de terras que actualmente existen en Galicia, así como un breve resumo da situación actual deste perfil a nivel galego.

Este será o derradeiro ano de traballo para o Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto comezou a andar a finais do ano 2022, centrado na facilitación da entrada no sector agrario de persoas  ao mesmo, as chamadas novas e novos entrantes, finalizando na actualidade co desenvolvemento de diferentes guías especialmente enfocadas no apoio a persoal técnico das distintas entidades de acompañamento e asesoramento no eido agrario (GDRs, OACS, Cooperativas, diversas asociacións e fundacións, etc.).Nos vindeiros meses publicaranse outros recursos cos cales o grupo pretende xerar unha base metodolóxica e orientadora que as entidades dispostas deberán “aterrar” no seu territorio para poder traballar segundo o método proposto.

Terractiva é un proxecto beneficiario das axudas para a execución de proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
A publicación está dispoñible na web de Terractiva: Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras.

Referencia da publicación: Pérez Rodríguez, N., Trancón Loureiro, L., Ónega López, Q., & Fernández Villar, G. (2024). Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras. G.O. Terractiva. https://doi.org/10.5281/zenodo.10979609