LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Supéranse os 3000 Grupos Operativos en Europa


O número de Grupos Operativos constituídos a través dos Plans Estratéxicos Nacionais da PAC (e dos PDRs durante o período 2014-2020) ven de superar recentemente a barreira dos 3000 proxectos.
 
A Innovation & Knowledge Exchange | EIP-AGRI da EU CAP Network celebrou este fito ca Conferencia ‘EIP-AGRI Operational Groups: Innovation in practice’ en Estoril (Portugal), que se desenvolveu entre os días 6 e 8 de maio de 2024 e para a que estaban convocados en torno a 600 participantes. O evento buscou celebrar, aprender das experiencias pasadas e mirar cara ao futuro dos grupos operativos.
 
Os participantes puideron asistir á entrega de premios da EIP-AGRI Innovation Awards 2024 for Operational Groups, onde se recoñeceron os mellores Grupos Operativos en diferentes categorías.
 
A EIP-AGRI organizou tamén un taller para reflexionar sobre o éxito dos Grupos Operativos e propoñer melloras para o futuro. Os participantes tiveron a oportunidade de aprender das experiencias pasadas, discutir sobre a aplicación práctica dos resultados acadados, identificar os retos futuros, e sinalar as boas prácticas na preparación dos grupos. Os resultados da conferencia recolleranse nun informe final, pero parte dos materiais da conferencia xa se poden consultar aquí. O evento incluíu visitas de campo a experiencias innovadoras desenvolvidas na área central de Portugal.
 
Que son os Grupos Operativos? Os Grupos Operativos da EIP-AGRI son proxectos multi-actor, que reúnen persoas con coñecemento complementario para deseñar solucións prácticas para a agricultura o monte e as comunidades rurais. Isto realizase mediante un proceso de co-creación que se plasma nun proxecto innovador. Os grupos poden incluír agricultores, silvicultores, investigadores, asesores, empresarios, grupos medioambientais, asociacións de consumidores e ONGs, entre outros. Dende o LaboraTe animámosvos a liderar ou participar en futuros Grupos Operativos.
 
Máis información:  
Dende o 2012, o LaboraTe é membro do servizo de apoio da Asociación Europea para a Innovación 'Produtividade e Sostibilidade Agrícola' (EIP-AGRI), no marco da Rede Europea da PAC (EU CAP Network).