LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O relevo xeracional no sector agrario galego; retos e oportunidades a debate na VIII Reunión Casal de Armán


A VIII Reunión Casal de Armán, organizada polo Foro Económico de Galicia tivo lugar o pasado 27 de xuño de 2024 en Santiago de Compostela. Baixo o título “O relevo xeracional no sector agrario galego; retos e oportunidades”, este foro congregou a unha vintena de expertos vencellados tanto coa economía como co desenvolvemento rural en Galicia.  A modo introdutorio, o Profesor Edelmiro López Iglesias e o noso compañeiro Quico Ónega fixeron un diagnóstico sobre as perspectivas do relevo xeracional no sector agrario galego.
 
Tamén dende o Laboratorio do Territorio, Nieves Pérez, en representación do proxecto TERRACTIVA,  fixo un percorrido por diversas experiencias inspiradoras no acceso á terra de persoas novas entrantes. Así, presentou diferentes mecanismos que se están a desenvolver en Irlanda, Francia e Portugal ademais de repasar as posibilidades existentes en Galicia. Ademais, na súa intervención salientou o dinamismo observado nas estruturas de tenencia das explotacións agrarias galegas, que viñeron aumentando de forma significativa as terras en arrendamento nos últimos lustros.
 
Porén, a dificultade de acceso á terra foi unha das barreiras que se mencionou por parte dos asistentes de maneira recorrente ó longo da xornada, tanto nas zonas onde é difícil contactar e/ou identificar ós propietarios, como naquelas onde a dispoñibilidade é escasa debido a elevada competencia polas terras entre as explotacións existentes, ou con outros usos como é o caso das plantacións forestais. En ambas situacións os novos entrantes atopan dificultades para poder acceder a elas, é nesas situacións onde os instrumentos de apoio se fan cada vez máis necesarios.
 
Pérez Rodríguez, N. (2024, june 4). Políticas e mecanismos de acceso á terra. Foro Económico de Galicia - VIII Reunión Casal de Armán, Santiago de Compostela. Laborate (USC). https://doi.org/10.5281/zenodo.12649671