LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Loxística e optimización de rutas de recollida e localización de plantas de tratamento de xurros: combinación de ferramentas SIG con modelos matemáticos


Dende o ano 2023 varios grupos da Universidade de Santiago veñen traballando no proxecto Agromanure  para o “Desenvolvemento dun sistema de xestión integrado das dexeccións de gando xeradas en granxas do norte de España baseado na elaboración de fertilizantes de alta calidade” pertencente á convocatoria estatal de Proxectos de Transición Ecolóxica e Dixital PRTR 2021.
 
Dende o Laboratorio do Territorio  e o Sistema de Información Territorial contribuíuse a xestión da loxística do sistema proposto, e ao manexo de toda a información xeoespacial asociada. Como corresponde ao tipo de convocatoria dun Plan Estatal de Investigación Científica, boa parte das actividades consisten en probar novas aproximacións, modelos e ferramentas que xeren coñecemento aproveitable a outros proxectos máis aplicados.
 
Dentro do problema da loxística de tratamento de excedentes, a combinación de  ferramentas SIG con modelos matemáticos para a análise territorial e a toma de decisións sobre as localizacións óptimas de plantas de tratamento e rutas de recollida, foi o tema do Traballo final de Máster da alumna Martina Martínez Soto,  egresada do “Máster en Planificación y Gestión del Territorio” na convocatoria de Xullo 2024.
 
Martina  abordou no seu traballo “Elaboración de un Sistema de Ayuda a la Decisión Espacial (SDSS) para la instalación de una planta de procesado de purín y sus vías de transporte y distribución en el sur de Lugo” a mestura de análises multicriterio tradicionais nos Sistema de Información Xeográfica (SIX) con modelos matemáticos de optimización como o p-mediano ou os k-medias máis propios de paquetes matemáticos como o RStudio.
 
Os resultados mostraron a efectividade desta mestura para a análise e a toma de decisións nun sistema sustentable e acreditable pero tamén identifican as limitacións das ferramentas actuais namentres  non poidan ter en conta varias variables simultáneas específicas deste problema como o volume de produción e a taxa de recollida diaria.

O proxecto AGROMANURE (TED2021-129533B-I00) está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Axencia Estatal de Investigación, a través de fondos da Unión Europea.