LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Os SIX Participativos como ferramenta de axuda na xestión pública da auga en países en desenvolvemento


Dentro dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX), os de tipo de participación pública (PPGIS polas siglas en inglés) son ferramentas axeitadas para recoller información non dispoñible a nivel oficial de infraestruturas pequenas e dispersas no territorio. Este é o caso dos puntos de abastecemento de auga e os de saneamento en pequenas comunidades en países en desenvolvemento como as comunidades do Sur de Honduras onde o LaboraTe e Enxeñeiros sen Fronteiras (ESF) Galicia traballan en proxectos de cooperación.
 

A recollida e actualización da situación e estado destas infraestruturas son vitais para a xestión pública e comunitaria da auga, e para elo estanse probando ferramentas SIX como o “PPGIS Web” do Laboratorio do Territorio que ten sido empregado con éxito en procesos de participación de desenvolvemento rural en varias entidades galegas. A interface web desta ferramenta e a posibilidade de edición e captura de datos en campo de modo intuitivo faina máis interesante que outros SIX de escritorio que necesitan máis formación técnica para o seu reemprego e non permite a edición simultánea por varios usuarios.

 

Dentro do proxecto actual, en marcha gracias a fondos da Xunta de Galicia, “Mejora de la gestión pública del agua en los municipios de la Mancomunidad Nasmar, Honduras, Fase 1”, o Laboratorio colabora tamén dando formación a docentes e investigadores da Universidade Nacional Autónoma de Honduras (UNAH).
 

Así dentro das visitas de intercambio previstas, esta semana os investigadores da UNAH Rafael Corrales e Eduardo Moreno, da Facultade de Ciencias Espaciales,  visitaron os GDR de Condado-Paradanta e Mariñas-Betanzos para ver exemplos de uso do visor “PPGIS Web”. Mañá xoves 15 de Maio as 10:30 na sala de conferencias do Edificio CACTUS de Lugo, os profesores explicaran as súas actividades relacionadas con estes temas na charla: "Aplicaciones de la cartografía participativa para la defensa de la tierra y territorio en Honduras: Experiencias en cartografía del Departamento de Ciencia y Tecnología de la Información Geográfica- UNAH”. O acceso á charla é libre ata completar aforo.