LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Innovación e compromiso co territorio: Coñece ós gañadores dos VIII Premios Rafael Crecente


O próximo xoves 16 de outubro ás 18:30h, terá lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) de Lugo a cerimonia de entrega da VIII Edición dos Premios Rafael Crecente, un recoñecemento a propostas innovadoras en xestión territorial e desenvolvemento rural en Galicia.

O acto, que se celebrará no Salón de Actos da EPSE, será aberto ao público e incluirá a presentación das propostas galardoadas nesta edición. Os premios, organizados polo Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra), buscan fomentar ideas novidosas que contribúan á sostibilidade territorial, á conservación ambiental e á mellora da produción agraria.

Nesta edición, o evento contará cumha conferencia maxistral a cargo de Harvey M. Jacobs, profesor emérito da Universidade de Wisconsin-Madison (EEUU), que ofrecerá a conferencia titulada “Private Property and Sustainable Environmental Management: A 21st Century Challenge” onde abordará os retos contemporáneos na xestión ambiental desde a perspectiva da propiedade privada, un tema de gran relevancia para o contexto galego. Tamén participará Pacôme Elouna Eyenga, líder da EIP-AGRI Support Facility da EU CAP Network, quen falará sobre o papel da innovación na agricultura dentro da Política Agraria Común (PAC) e o papel da rede europea EIP-AGRI. Ambas intervencións contarán con tradución simultánea do inglés para os participantes que o precisen.

A cerimonia rematará cun aperitivo para todos os asistentes, promovendo o encontro entre profesionais, investigadores e persoas interesadas na xestión territorial sostible.

Os Premios Rafael Crecente, convocados anualmente desde 2017, están dirixidos a xóvenes titulados e conceden dous galardóns dotados con 2.000 € e 1.000 €, ademais dun diploma acreditativo. Estes premios son unha homenaxe ao Dr. Rafael Crecente Maseda, profesor titular da EPSE e referente na xestión territorial en Galicia, impulsor do grupo de investigación Territorio – Biodiversidade e creador do Sistema de Información Territorial (SIT).

Prégase confirmación de asistencia á entrega de premios a través deste formulario ou no 982 822 833.

Máis información: