LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Os premiados nos Rafael Crecente destacan o papel da cidadanía na construción de territorios máis resilientes


Un ano máis a Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) de Lugo acolleu a cerimonia de entrega da VIII Edición dos Premios Rafael Crecente, un recoñecemento a propostas innovadoras en xestión territorial e desenvolvemento rural en Galicia.

Nesta VIII edición os Premios recoñeceron dúas iniciativas académicas que poñen en valor o papel activo da cidadanía e da mocidade na construción dun futuro máis sostible. Trátase dos proxectos SMARTERRAE: formación científica aplicada no territorio e medioambiente dende etapas iniciáis (por Lorena Salgado e Rubén Forján), e O rol transformador das comunidades enerxéticas na transición ecolóxica. Análise de situación en España e Galicia (por Laura Prieto), que coinciden en destacar a importancia da implicación local como motor de cambio na loita contra o cambio climático.

O proxecto SMARTERRAE propón un modelo educativo innovador que conecta á mocidade co medio ambiente a través da ciencia aplicada e da comunicación dixital. Desenvolvido no noroeste ibérico, o estudo amosa como a participación da mocidade en proxectos reais de conservación ambiental mellora o interese pola ciencia, a comprensión do proceso investigador e a disposición a participar en actividades científicas.

Pola súa parte, o segundo traballo premiado, analiza como as comunidades enerxéticas están a agromar como unha resposta colectiva e sostible aos retos do sistema enerxético. Estas iniciativas promoven a xeración renovable distribuída, reducen a dependencia enerxética e favorecen a inclusión social. Galicia destaca como unha das comunidades con maior número de proxectos activos, especialmente en zonas rurais, onde o rexeitamento aos grandes proxectos centralizados é cada vez maior. Exemplos como Arousa en Transición e Buchabade demostran o potencial deste modelo enerxético participativo sendo alternativas máis democráticas, xustas e de menor impacto ambiental que os modelos enerxéticos tradicionais.

Cabe destacar que esta edición foi especialmente competitiva xa que concursaron cerca de corenta propostas. Por este motivo, e dada a alta calidade dos traballos recibidos, o comité avaliador dos Premios decidiu conceder tres accésits adicionais para as seguintes propostas:
  • Las Áreas Protegidas de Galicia: análisis histórico y perspectivas de gestión por Javier Ferreiro da Costa
  • MalaHerba: rede de contactos de novas e novos entrantes por Guillermina Fernández Villar
  • Análisis tecnoeconómico y ambiental recuperación de celulosa en estaciones depuradoras de aguas residuales urbanas (EDAR) por Marta Pereira Ferrer     
O evento contou cunha conferencia maxistral a cargo de Harvey M. Jacobs, profesor emérito da Universidade de Wisconsin-Madison (EEUU). A súa presentación titulada “Private Property and Sustainable Environmental Management: A 21st Century Challenge” abordou os retos contemporáneos na xestión ambiental dende a perspectiva da propiedade privada.  O punto de partida do relatorio do profesor Jacobs foi preguntarse como conciliar a propiedade privada cos imperativos da xestión sostible medioambiental. Historicamente, a propiedade foi entendida conceptualmente como algo estático, pero hoxe sabemos que muda ó igual que os dereitos asociados a ela. Por exemplo os dereitos relativos á fauna salvaxe, a paisaxe ou á  floresta cambiaron radicalmente nos últimos 100 anos e seguen a cambiar. A pregunta que se formula dende a xestión medioambiental é clara: ¿cambiará a propiedade o suficientemente rápido como para responder ás esixencias medioambientais actuais? E, en paralelo, ¿canto conflito social xerará ese cambio e como se poderá xestionar?
 
A rolda de exposicións completouse con Pacôme Elouna Eyenga,  relator invitado e líder da EIP-AGRI Support Facility da EU CAP Network, quen falou sobre innovación dentro da Política Agraria Común (PAC) e o papel chave da rede europea EIP-AGRI en acelerar a innovación na agricultura, floresta e áreas rurais. 

Ámbolos dous relatores así como os representantes académicos e institucionais tiveron unha lembranza especial para Rafael Crecente, cuxo legado que segue moi presente cando se compren dez anos do seu pasamento.

O acto pechouse co anuncio da IX Edición do Premios Rafael Crecente que en breve abrirá prazo para recepción de propostas.