Aínda que as entidades locais están representadas en diversos organismos e iniciativas europeas, os pequenos municipios rurais atopan dificultades para acceder aos mecanismos de toma de decisións destas instancias, así como para atopar apoios e recursos que lles permitan aplicar nos seus territorios as ideas e propostas debatidas neses foros. Tal e como recolle o Pacto Rural Europeo de 2024, estas comunidades non recibiron suficiente atención en materia de políticas e financiamento. A miúdo carecen de fondos específicos e, cando estes existen, os obstáculos burocráticos limitan a súa efectividade.
 
Ante esta situación, os alcaldes e alcaldesas de municipios rurais españois reclaman un maior protagonismo das comunidades locais no deseño do futuro das zonas rurais, a través dun Acordo Rural. Neste contexto impulsáronse as xornadas 
“Acordo Rural, liderando a transición desde os municipios rurais”, concibidas como unha oportunidade estratéxica para situar os desafíos do medio rural no centro das políticas públicas.
 
O encontro, promovido polo Concello de Carballeda de Avia, contou coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Deputación Provincial de Ourense, a Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, e celebrouse os días 28 e 29 de outubro de 2025 en Ourense.
 
A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do Laboratorio do Territorio, formou parte do comité organizador. Ademais de participar no deseño do programa, asumiu a responsabilidade de planificar e facilitar as sesións interactivas, que consistiron en dúas mesas de traballo onde os participantes debatiron e acordaron accións clave e prioridades en seis áreas temáticas, tales como vivenda, mocidade e migración, recuperación de terras agrarias ou transición enerxética, entre outras.
 
Como resultado, elaborouse un listado con máis de vinte demandas mediante as cales os concellos rurais apelan ás administracións rexionais, nacionais e europeas para que atendan as súas necesidades específicas. Entre as accións clave destacan o recoñecemento do seu papel esencial na prosperidade da sociedade e a asignación prioritaria de investimentos, a participación activa no deseño de políticas nacionais e europeas, e unha maior coordinación entre administracións. Tamén se reclama a promoción de mecanismos que prioricen a rehabilitación fronte á construción de nova vivenda en núcleos rurais, o uso intensivo de instrumentos para mobilizar e recuperar terras, o fortalecemento do coñecemento sobre a propiedade agraria para facilitar o acceso á terra, incentivos fiscais e financeiros para o relevo xeracional, e a axilización da tramitación de proxectos enerxéticos a pequena escala, entre outros.
 
Estas xornadas evidenciaron a capacidade dos municipios rurais para liderar procesos de transformación desde o local, articulando propostas concretas e viables. O Acordo Rural emerxe así como unha ferramenta clave para reforzar a cohesión territorial, garantir a equidade no acceso a oportunidades e construír un futuro sostible para o medio rural, coas súas comunidades como protagonistas do cambio.
Máis info:
O “Acordo Rural” reunirá en Ourense a líderes e expertos para impulsar unha nova visión do medio rural
Vídeo plenario 28 Oct. 
Vídeo plenario 29 Oct.