LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Remuda agraria para sistemas alimentarios con futuro


A progresiva redución do número de persoas agricultoras e o seu paulatino envellecemento fan da remuda xeracional do sector agrario un dos maiores retos da sociedade galega. O rural é o primeiro escenario deste proceso que, silente en tempos, xa non agocha a súa crueza en centos de parroquias de todo o país. Os efectos son sistémicos: ameaza a soberanía alimentaria, desarticula o tecido socio-ecónomico de moitas áreas rurais, altera a conservación de recursos naturais, paisaxe e biodiversidade, e compromete a xestión territorial nas distintas zonas da nosa xeografía.

A superficie agraria galega xestionada por persoas en idade de xubilación representa un cuarto da total, a cal, dada a ausencia de relevo xeracional, se atopa en alto risco de perderse. Ao mesmo tempo, as persoas maiores de 55 anos xestionan o 50 % da superficie agraria. Pola súa banda, as persoas menores de 40 anos xestionan unicamente un 15 % da superficie total.
O Laboratorio do Territorio desenvolve investigación-acción orientadas a mellorar a planificación territorial colaborativa, contribuíndo a unha transición territorial sistémica  xusta e realmente sostible. Neste contexto, promover a remuda xeracional na agricultura, con bases agroecolóxicas, é recoñecido como unha estratexia clave e unha panca para a sustentabilidade a longo prazo e para unha repoboación consciente, críticas para futuros sistemas alimentarios sólidos e saudables, así como para un país resiliente.
Desde esa consciencia, o grupo leva integrando o tema do relevo xeracional agrario no seu marco de traballo durante os últimos anos. Nese sentido, promoveu o proxecto TERRACTIVA, que produciu diversos materiais e instrumentos para apoiar as novas incorporacións á agroecoloxía.

Recentemente, dende o grupo contribuíuse á elaboración do Informe do Foro Económico de Galicia O relevo xeracional no sector agrario galego; retos e oportunidades. No informe faise unha radiografía da situación e evolución demográfica do sector, reflexiónase sobre os factores máis influíntes e identifícanse posibles ventás de oportunidade.

Así mesmo, o LaboraTe contribuíu tamén ao proxecto Xénero, Sustentabilidade e Saberes Rurais (GESUSA) do grupo Histagra a través do desenvolvemento dunha serie de entrevistas a mulleres recentemente incorporadas na agroecoloxía. Os principais resultados, que evidencian como a perspectiva de xénero segue a ser un hándicap non so sectorial se non tamén estructural, foron presentados na xornada ‘Oficios e produción alimentaria nas mans das mulleres. Memoria e iniciativas en época de crise’, celebrada na EPSE de Lugo o día 28 de outubro.

Xunto con outros axentes, o grupo está a concibir o concepto de ecosistemas territoriais de apoio ao relevo xeracional e está a prototipalo a través de diversas actividades. Xunto con cinco Grupos de Acción Local, participamos no Proxecto de Cooperación Nó Rural–Pactos Territoriais polo Relevo Agrario, que ten como obxectivo desenvolver e implementar unha estratexia de sucesión agraria adaptada á realidade de cada territorio, procurando alianzas e compromisos entre axentes e institucións tanto do interior como do exterior do territorio, así como iniciar a súa aplicación empregando as ferramentas actualmente dispoñibles.