LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

O Catálogo de solos agropecuarios e forestais: chave para protexer a productividade e a sostibilidade en Galicia


A Revista Galega de Economía vén de publicar unha investigación realizada polo Laboratorio do Territorio que demostra os beneficios socioeconómicos e ambientais da ordenación dos usos do solo rústico en Galicia. O estudo responde á complexa regulación lexislativa que afecta aos terreos agroforestais na comunidade e destaca a importancia de contar, por primeira vez, cun instrumento normativo deseñado especificamente para este fin: o Catálogo de solos agropecuarios e forestais.
 
O artigo confirma, mediante indicadores cuantitativos e métricas espaciais, que a ordenación dos usos agropecuarios e forestais incrementa a eficiencia destas actividades e mellora a sustentabilidade ambiental do territorio. Os resultados amosan unha notable diminución da fragmentación de usos, un aumento do número de unidades viables para a agricultura e a explotación forestal, unha redución do risco de incendios e un incremento do valor ecolóxico na ordenación proposta polo Catálogo.
 
Estas conclusións evidencian a idoneidade do Catálogo para protexer simultaneamente a capacidade produtiva da terra e a sustentabilidade ambiental, garantindo ademais o incremento da superficie agraria útil e a seguridade xurídica no desenvolvemento das actividades agroforestais.
 
Por todo iso, o estudo subliña a necesidade de elaborar e aprobar o Catálogo para o conxunto de Galicia, co obxectivo de ofrecer unha planificación integrada da superficie agrícola e forestal de toda a comunidade. Esta medida permitiría acadar cifras de superficie agraria útil próximas á media estatal e europea, reforzando a competitividade do sector agroalimentario e a xestión sostible do territorio.
 
Santé, , I. (2025). Towards efficient and sustainable management of rural land in Galicia: Case study of the Catalogue of Agricultural and Forestry Land. Revista Galega De Economía, 34(3). https://doi.org/10.15304/rge.34.3.10757