O LaboraTe continúa apostando dende o ano 2000 na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais (EIEL) dos concellos da provincia de Lugo, sendo un dos proxectos máis lonxevos dende os seus inicios como grupo de investigación da USC. Así, o pasado mes de xaneiro foi adxudicado de novo o servizo consistente na actualización, análise, mantemento e mellora da EIEL, nesta ocasión elaboraranse dúas edición denominadas EIEL-2023 e EIEL-2024.
A EIEL é o instrumento básico de análise e valoración das necesidades de dotacións locais para efectos da cooperación económica local do Estado. As EIEL son elaboradas polas Deputacións Provinciais seguindo unha metodoloxía común, contándose coa colaboración técnica do Grupo EIEL-Gestión dependente do
Ministerio de Política Territorial y Función Pública (MPTFP). A finalidade da EIEL é coñecer a situación dos servizos de competencia municipal e doutras administracións, formando un inventario de ámbito nacional, de carácter censual, con información precisa e sistematizada dos concellos cunha poboación inferior a 50.000 habitantes.
A última edición da enquisa elaborada no LaboraTe foi a EIEL-2022, dispoñible na
Web da EIEL da provincia de Lugo xunto coas edicións anteriores. A información é facilitada de diversas formas: mediante un visor de consulta online (dende 2011), mediante os servizos de descarga WMS, WFS e CSW (dende 2011) e a través da descarga de documentos resumo en formato PDF (dende 2000).
Como ven sendo habitual en todas as edicións da EIEL, volverase realizar un curso de formación en GIS para técnicos municipais, renovando o compromiso do LaboraTe e a Deputación de Lugo pola diseminación das tecnoloxías GIS entre as entidades locais da provincia, fomentando a súa incorporación no traballo diario do persoal da administración municipal.