O LaboraTe distribúe de xeito libre e gratuíto o software OpenRULES para a planificación do uso do solo

Enviado por laborate o mér, 28/03/2012 - 17:28 GMT.

Xa está dispoñible na páxina web do LaboraTe para a súa descarga gratuíta o software libre OpenRULES (Open RUral Land use Exploration System), destinado á planificación do uso do solo e aplicable no proceso de delimitación de clases de solo e categorías de ordenación de calquera plan de ordenación do territorio.

OpenRULES, captura de pantalla

OpenRULES é un sistema de axuda para a planificación dos usos do solo, baseado en dous programas SIX libres (gvSIG e Sextante), sobre os que se integraron varios modelos analíticos para axudar á toma de decisións en diferentes etapas dun proceso de planificación do uso do solo. Estas técnicas de análise dan soporte a tres etapas fundamentais nun modelo de ordenación de usos do solo: avaliación da aptitude da terra para os diferentes usos, optimización das superficies de cada uso e localización espacial dos usos do solo. Os resultados destas etapas son mapas de aptitude para diversos usos do solo ou actividades, superficies óptimas para os usos do solo rural e mapas óptimos de distribución de múltiples usos do solo.

Trátase dun prototipo no que se segue a traballar e que pode resultar de interese para calquera persoa, empresa, organismo ou institución interesada na planificación territorial, dos cales se espera recibir opinións e suxestións co fin de acadar unha continua mellora e ampliación da aplicación.

Este aplicación informática é o resultado de varios proxectos de investigación:

  • "Sistemas de información xeográfica para planeamento urbanístico e ordenación territorial mediante técnicas de optimización sobre procesadores multinúcleo" (financiado pola Xunta de Galicia)
  • "Simulación do crecemento dos núcleos urbanos mediante autómatas celulares e SIX (SIMULA)" (financiado pola Xunta de Galicia)
  • "Deseño dunha metodoloxía de ordenación de usos no espazo rural mediante ferramentas SIX e Teledetección" (financiado pola Xunta de Galicia
  • "Sistema de Axuda á Decisión Espacial na Ordenación Territorial de Ámbito Local (SADE-OTAL)" (financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación)
  • "Modelo Baseado en Axentes e sistema SIX-web para a elaboración, avaliación e implementación de plans de ordenación urbana e territorial" (financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación)
english español