O LaboraTe participa no congreso "Desenvolvemento Rural e LEADER. Horizonte 2014-2020."

Enviado por laborate o mar, 13/11/2012 - 11:08 GMT.

Durante os días 7, 8 e 9 de Novembro, na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, celebrouse o congreso "Desenvolvemento Rural e LEADER. Horizonte 2014-2020.", organizado pola Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia.

congreso 'Desenvolvemento Rural e LEADER. Horizonte 2014-2020.'

Durante os tres días que durou o congreso, puxéronse en común moitas ideas, retos e propostas, derivadas na súa maioría dos debates previos que tiveron lugar durante o último ano, ó longo de todo o territorio e organizados por distintos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Entre os temas tratados no congreso estiveron:

  • Organización territorial e administración local.
  • Cooperación urbano – rural: oportunidades e retos.
  • Cara un novo papel social do medio rural; situación do empresario rural no panorama económico actual.
  • Dez ideas sobre marcas de calidade e produtos locais.
  • Montes veciñais en man común e comercialización da madeira do monte galego
  • Sector turístico: oportunidades e perspectivas
  • Discapacidade e medio rural.
  • Patrimonio cultural e etnográfico.
  • Innovación no medio rural e viticultura.

O LaboraTe, xunto con outros axentes da investigación e innovación e da administración, participou na mesa redonda "Retos para aproveitar os fondos europeos no período 2014-2020.", onde se puxo de manifesto a importancia do procedemento LEADER, das industrias de transformación asociadas ó leite, á carne e á madeira, as novas oportunidades asociadas á nova programación Política Agraria Común da Unión Europea, a necesidade de incluir na axenda o acceso ás terras, e a importancia da xestión do territorio para o desenvolvemento rural e para os propios Grupos de Desenvolvemento Rural.

Ábrese un novo período - do 2014 ó 2020 - de programación da Política Agraria Común, é cómpre enfocalo como unha oportunidade para consolidar os avances xa acadados e tamén como unha etapa con enormes potencialidades que supoñen unha oportunidade para acadar un «medio rural vivo».

english español