Resultados do Seminario sobre Sistemas Alimentarios Locais e Agricultura Urbana

Enviado por laborate o ven, 22/02/2013 - 19:13 GMT.

O pasado venres 15 de febreiro ás sete da tarde, reuníronse no Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño funcionarios da Deputación Provincial, membros de ADEGA, o Grupo de Desenvolvemento Rural de Lugo, A Cova da Terra, O Bandullo Ecolóxico, Vida de Aldea, investigadores e alumnos da USC e outras persoas interesadas, para participar no seminario realizado polos alumnos do Máster en Xestión Sostible da Terra e do Territorio (MTT). O evento celebrouse co gallo de dar a coñecer os resultados acadados nun obradoiro internacional sobre sistemas alimentarios locais celebrado en Lugo do 22 ao 27 de outubro, no que os estudantes do MTT participaron con alumnos da universidade holandesa de Van Hall Larenstein.

Resultados do Seminario sobre Sistemas Alimentarios Locais e Agricultura Urbana, foto 1

O acto constou de dúas presentacións: a primeira estivo orientada a falar dos sistemas alimentarios locais e a súa importancia á hora de facer fronte aos retos de soberanía e seguridade alimentaria que impón a situación socioeconómica actual. Na segunda presentación os alumnos expuxeron os resultados do seu traballo cos alumnos holandeses no obradoiro internacional. Estes resultados baseábanse en catro escenarios para a cidade de Lugo.

As dúas presentacións foron acompañadas dunha serie de dinámicas de grupo destinadas a reflexionar sobre os conceptos e ideas expostos e cómo poderían ser utilizados para incrementar a sostibilidade da cidade de Lugo e a súa bisbarra.

As dinámicas comezaron cunha formulación de desexos por parte dos asistentes sobre cómo lles gustaría que fose o futuro de Lugo, estes desexos condensáronse arredor de cinco ideas:

  • Un Lugo máis verde
  • Un Lugo con maior calidade de vida
  • Un Lugo no que a agricultura e os usos urbanos estivesen máis integrados
  • Un Lugo con maior soberanía alimentaria
  • Un Lugo máis sostible

Posteriormente, propuxéronse estratexias a seguir para acadar estes cinco obxectivos tomando como base os sistemas alimentarios locais. Os asistentes valoraron as estratexias do 1 ao 3 en base a se eran realizables a curto (1) medio (2) ou longo prazo (3). As estratexias máis votadas foron as seguintes:

  • (1) Potenciar o mercado da praza de abastos
  • (1) Empregar residuos orgánicos para facer compostaxe
  • (2) Crear novas hortas dentro do casco urbano (incluso dentro da muralla), crear postos de venda nas hortas con horarios flexibles
  • (2) Facer campañas de concienciación nas escolas
  • (3) Aumentar o apoio institucional á agricultura urbana facendo modificacións no planeamento que permitan o emprazamento de novas hortas en terreos baldíos
  • (3) Recuperar a agricultura tradicional local e ecolóxica e facer campañas de formación para que todo o mundo saiba cultivar os seus alimentos

Finalmente, estas estratexias foron utilizadas para que os asistentes ideasen unha visión para o futuro de Lugo. Para elo formáronse catro grupos que deseñaron sobre un plano en branco catro visións.

Resultados do Seminario sobre Sistemas Alimentarios Locais e Agricultura Urbana, foto 2 Resultados do Seminario sobre Sistemas Alimentarios Locais e Agricultura Urbana, foto 3

As catro visións, prevían prolongar o cinto verde de Lugo e crear zonas verdes con hortas dentro da cidade. As hortas irían acompañadas de espazos para a comercialización e intercambio dos alimentos producidos nelas, así como dunha rede de compostaxe cunha serie de puntos de procesado, localizados nas zonas de maior produción de residuos orgánicos (cerca de zonas comerciais e grandes zonas verdes). Tamén se propuxo modificar a rede de transporte urbano para conectar mellor as zonas rurais e urbanas. Asemade, propúxose crear unha rede de ciclovías que vertebrasen e integrasen as hortas e zonas verdes co resto da cidade. Por último, nun dos grupos propúxose utilizar árbores froiteiras nas zonas axardinadas para que a xente puidese recoller os froitos.

Descargas:

  • verslag_student_workshop_lugo.pdf
english español