Peche e conclusións do Seminario Internacional sobre Sistemas Alimentarios Locais

Enviado por laborate o lun, 29/10/2012 - 13:12 GMT.

O pasado sábado 27 de Outubro tivo lugar no IBADER a presentación dos resultados do Seminario Internacional sobre Sistemas Alimentarios Locais, organizado polo Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio e maila Universidade de Van Hall Larenstein (Holanda).

Seminario Sistemas Alimentarios Locais, entrevistas no concello de Lugo

Neste seminario colaboraron 9 estudantes de Holanda cos 19 alumnos do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio para estudar e xerar propostas destinadas a fomentar o desenvolvemento de sistemas alimentarios locais na cidade de Lugo e as súas inmediacións.

Seminario Sistemas Alimentarios Locais, entrevistas na praza de abastos de Lugo

Nos cinco días que durou o evento, os alumnos asistiron ás charlas impartidas polo profesor Alfonso Morales - experto en sistemas alimentarios locais da Universidade de Wisconsin-Madison (Estados Unidos) -, realizaron entrevistas a produtores locais e vendedores na praza de abastos de Lugo, a membros da federación de varias asociacións de veciños, a Sonsoles López Izquierdo, da Deputación de Lugo, a monitores e usuarios das hortas do río Rato, á concelleira de infraestruturas do concello de Lugo, Paz Abraira, ó arquitecto Alberte Rodríguez e á representante da ONG ecoloxista ADEGA, Adela Figueroa. Tamén se realizou unha visita á granxa Vida de Aldea, proxecto que intenta buscar alternativas creativas para xerar novas fontes de ingresos como o aluguer de parcelas para facer hortas ou a restauración de edificios obsoletos da explotación para o seu aluguer como salóns onde celebrar eventos.

Seminario Sistemas Alimentarios Locais, visita á granxa Vida de Aldea

A labor dos estudantes deu como resultado a creación de catro escenarios posibles para a cidade de Lugo, en función da cantidade de recursos económicos dispoñibles nun futuro e da concienciación do público sobre aspectos ambientais e de seguridade alimentaria:

  • Malo, Peor, Desastre; no suposto de poucos recursos e pouca concienciación,
  • Lugo a Gran Escala; no suposto de moitos recursos e pouca concienciación,
  • A Crise Pide Creatividade; no suposto de poucos recursos e moita concienciación,
  • O Paraíso Verde; no suposto de moitos recursos e moita concienciación.

Estes escenarios achegan ideas novedosas e creativas para fomentar a agricultura urbana e o comercio de produtos locais. A perspectiva de alumnos que aínda non teñen unha traxectoria profesional, achega unha visión alternativa dado a que os estudantes aínda non están influenciados por ideas preconcebidas dentro do ámbito de traballo da súas especialidades. A maiores, a participación de alumnos estranxeiros achega novos modos de traballar e unha análise dos problemas dende fóra do contexto analizado. Todo elo levou a propostas alternativas e imaxinativas para facer participe a Lugo dos beneficios do fomento dun sistema alimentario local.

descargas:

  • "Bad, Worst, Disaster" (en inglés) [PDF, ~1,4 MB]
  • "Crisis asks for creativity" (en inglés) [PDF, 3,4 MB]
  • "Green paradise" (en inglés) [PDF, ~4 MB]
  • "Large scale Lugo" (en inglés) [PDF, ~4,1 MB]
  • "The foodlandscape of Lugo" (en inglés) [PDF, ~3,6 MB]
english español