SIXOT, Sistema de Información para a Xestión e Ordenación do Territorio.

Enviado por admin o xov, 30/10/2014 - 13:27 GMT.

O LaboraTe acaba de desenvolver e poñer a disposición pública a plataforma web SIXOT.

POR QUÉ O SIXOT?

O SIXOT xurde como mellora tecnolóxica e conceptual do SIGui (Sistema de Información de Guitiriz), tamén desenvolvido polo LaboraTe no 2009, co obxectivo de contribuír a unha execución técnica dos Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOMs) máis áxil e eficiente, así como de facilitar e favorecer a participación cidadá no desenvolvemento de ditos plans.

QUE É O SIXOT?

O SIXOT é unha plataforma SIX-Web modulable, que reúne e integra nun entorno único múltiples ferramentas que serven de soporte á realización e tramitación de plans de ordenación urbanística e territorial.

O SIXOT está formado por varios módulos ou compoñentes con funcionamento autónomo, que responden ás necesidades características de calquera tipo de plan. Esta posibilidade de modulación permite adaptalo ás necesidades do plan, do equipo redactor ou do organismo administrativo responsable.

QUE NECESIDADES CUBRE?

  1. NECESIDADES DOS EQUIPOS REDACTORES:

    O SIXOT pon a disposición dos equipos redactores ferramentas desenvolvidas polo LaboraTe despois de anos de investigación e experiencia práctica, destinadas aos técnicos que traballan na elaboración de plans e que inclúen dende documentación, lexislación e manuais ata software destinado a facilitar os distintos procesos na ordenación territorial.

    Así, por exemplo, pódese encontrar:

    • Modelo de datos xeográfico proposto para planeamento.
    • SIMULA, modelo de autómata celular urbano que simula a evolución do uso urbano.
    • OpenRules, Sistema de Axuda á Planificación que automatiza os procesos de deseño dun plan de usos do solo.
    • Delimitación de Núcleos Rurais: software que proporciona a delimitación automática do Solo de Núcleo Rural segundo os criterios da Lei 2/2010.
    • Delimitación de Clases e Categorías de Solo: software que inclúe dous algoritmos para a delimitación automática de clases e categorías de solo.
    • Documentación, que inclúe os documentos das distintas fases de un plan.
    • Alegacións: ferramenta que posibilita o traballo multidisciplinar, multiusuario e a multilocalización na contestación das alegacións formuladas polos cidadáns, o análise e xeración de cartografía asociada ás mesmas e a realización de informes de contestación automatizados.

  2. NECESIDADES DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS:

    As administracións públicas responsables da ordenación urbanística e territorial poderán beneficiarse de ferramentas para o intercambio de datos e documentación, para a elaboración colaborativa de información e solucións de planificación e para a axilización dos trámites.

    Así nun mesmo lugar poderán almacenar toda a información relativa ós plans nas súas distintas fases de tramitación e mediante o foro interadministrativo e outras ferramentas implementadas no SIXOT, facer as consultas necesarias na cartografía ou entre administracións, traballar en tempo real, de forma coordinada e rápida, acurtando polo tanto os tempos de tramitación.

    A inclusión de toda a documentación e novidades que se van producindo no desenvolvemento dos plans permite unha xestión transparente por parte das distintas administracións responsables dos mesmos.

  3. NECESIDADES DOS CIDADÁNS:

    O SIXOT proporciona os medios necesarios para unha participación activa dos cidadáns durante todo o proceso de planificación urbanística e territorial.

    Para o proceso de participación pública, estarán dispoñibles dende os documentos en formato dixital ata un visor SIX-web onde se poderán facer buscas por referencia catastral e consultar a ordenación proposta, ver e consultar toda a cartografía do plan, etc. Salientar que todos os documentos serán oficiais e terán a mesma validez que os impresos a papel e selados porque dispoñen de firma dixital.

    Tamén está dispoñible un módulo de alegacións desenvolvido sobre o visor SIX onde calquera pode rexistrase e conformar aquelas alegacións aos plans que estime oportunas, podendo gardalas e imprimilas no momento necesario.

    Do mesmo xeito, a través do foro cartográfico calquera cidadán poderá realizar comentarios ó plan, vinculados a unha localización xeográfica ou xenéricos, abrindo o debate á sociedade e proporcionando ao equipo técnico e á Administración o coñecemento sobre as realidades e intereses da poboación.

ISTO É TODO?

Isto non é todo o que ofrece e pode ofrecer o SIXOT, invitamos a que o exploredes e vexades as súas múltiples posibilidades.

Ademais en próximas datas será mellorado e ampliado con novas funcionalidades.

español