LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Noticias

Publicada por Lab. Territorio

Abandono e forestación: unha Galicia a catro velocidades


A paisaxe actual de Galicia é o resultado da expansión do espazo arborado ao longo do século vinte. Durante as últimas décadas, o espazo dedicado á produción agropecuaria foise reducindo, e deixou lugar a superficies continuas de mato e arborado, grandes concentracións continuas de biomasa, que incrementan considerablemente o risco de grandes incendios. Instrumentos como os previstos la Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, teñen como obxectivo contrarrestar localmente esas grandes tendencias e permitir ás explotacións agrícolas e gandeiras o acceso a unha base territorial adecuada para a súa viabilidade.
 
Non obstante, a relación entre as restricións biofísicas, o contexto socioeconómico e os cambios de uso/cuberta do solo é complexa. Unha análise dos cambios recentes (2005-2017) permitiunos identificar catro patróns de uso do territorio a nivel municipal que reflicten unha forte especialización espacial: unha área onde vive a maior parte da poboación (1), unha zona dedicada á produción forestal (2), outra destinada á produción agrícola (3) e unha última dominada pola cuberta vexetal de orixe espontánea (4). Estas catro áreas seguen un gradiente decrecente de densidade de poboación e actividade económica. Aínda que os patróns de uso da terra en diferentes áreas pode explicarse en gran medida pola idoneidade biofísica, a fragmentación da propiedade da terra apareceu como un factor relevante, que pode explicar a maior presenza de abandono de terras de cultivo —e, polo tanto, maior risco de incendios— en determinadas zonas. 
 
Os resultados teñen implicacións de interese para a aplicación da lei de recuperación de terras agrarias. Así, os instrumentos orientados a reducir a continuidade do combustible (polígonos agroforestais, aldeas modelos) parecen máis urxentes no dominio do arborado e da vexetación seminatural (clusters 2 e 4). Polo contrario, os instrumentos orientados fundamentalmente a mellorar a estrutura das explotacións actuais (banco de terras, banco de explotacións) probablemente deberían concentrarse no espazo xa dominado polo sector agropecuario (3). Tamén resulta evidente a importancia de apoiar a xestión activa dos montes veciñais para impulsar a actividade económica das áreas de montaña.
 
Referencia: Corbelle-Rico, E., López-Iglesias, E.. 2024. "Farmland Abandonment and Afforestation—Socioeconomic and Biophysical Patterns of Land Use Change at the Municipal Level in Galicia, Northwest Spain". Land 13, no. 9: 1394. DOI: https://doi.org/10.3390/land13091394