O próximo luns 25 de Novembro, as 18:30h, celebrarase na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) de Lugo a cerimonia da
VII Edición dos Premios Rafael Crecente.
O acto terá lugar no Salón de Actos da EPSE e será aberto a todos aqueles que se queiran achegar. A axenda incluirá unha breve presentación das propostas galardoadas e contará nesta edición con Don Francisco Javier Sanz Larruga como relator invitado. Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e experto en dereito ambiental, falará da ordenación do litoral en Galicia. A cerimonia rematará con un pequeno aperitivo.
Os premiados da presente edición dos premios son:
- 1º premio: Alejandro Álvarez Fernández polo traballo “Establecemento dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos (Traba de Laxe, A Coruña)”
- 2º premio: Lucía Gómez Taboada pola proposta “Avaliación do comportamento do lume potencial en rodais de Piñeiro”.
Así mesmo, concedeuse un accesit a Fernando Cabana Porto por “
Análises xenómicas en poboacións naturais de Arnica montana L.”.
Os
Premios “Rafael Crecente” de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, son organizados polo
IBADER (Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural) e o Laboratorio do Territorio (GI-1934 TB), da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra, Lugo). Concédense dous galardóns, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000 € e 1.000 € respectivamente. A iniciativa ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible.
Información complementaria:
Xornal USC: A abordaxe dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos gaña o premio Rafael Crecente de xestión territorial