A dinamización e xestión resiliente do espazo rural require de innovación e da capacitación dos axentes partícipes para poder abordar adecuadamente os retos específicos de cada territorio. Con este obxectivo, o 7 e 8 de maio organizamos no Campus Terra a terceira e cuarta visitas de intercambio técnico do proxecto
INTERREG PAISACTIVO. Ditas xornadas enmárcanse na Actividade 2 do proxecto e teñen como obxectivo principal compartir coñecementos, experiencias e abordaxes entre o persoal técnico das equipas portuguesas e galegas.
Neste senso quixemos partillar cos parceiros do proxecto, e con outro persoal técnico asistente, unha parte do traballo que leva desenvolvendo o LaboraTe nos últimos tempos en torno a esas temáticas.
Así a xornada do día 7 centrouse no relevo xeracional no sector agrario, con especial énfase na figura dos novos entrantes. A xornada finalizou cun proceso de reflexión, acerca das posibilidades e capacidades de cada unha das institucións presentes de apoiar ás persoas novas entrantes na agricultura.
O segundo día, a xornada invitou a reflexionar sobre a ordenación territorial e a xestión de terras. Nela mostráronse algunhas das ferramentas desenvoltas polo grupo, e orientadas á axuda a toma de decisións en ordenación territorial, planificación do uso e ocupación do solo, incluída a infraestrutura verde, e outras ferramentas, políticas e mecanismos de acceso a terra.
Esta serie de 8 visitas continuarán nos vindeiros meses, celebrándose a 5ª o 27 de maio en Arouca (Portugal), orientada á abordaxe da xestión dos incendios forestais no territorio do Perímetro Forestal da Serra da Freita, e organizada pola Comunidade Intermunicipal do Tâmega e Sousa e a Dirección General do Territorio de Portugal. E a sexta será o 28 de maio, na aldea piloto da Almofrela, organizada pola Facultade de letras da Universidade de Oporto, que se centrará nos procesos de recuperación do solo despois dun incendio.
PAISACTIVO é un proxecto cofinanciado polo Programa de Cooperación Interreg VI para España – Portugal (
POCTEP) 2021-2027.
Máis info: