LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Noticias

Publicada por Lab. Territorio

Tese analiza a Infraestrutura Verde como motor de transformación territorial


A investigadora do LaboraTe, Rocío Losada Iglesias, acaba de defender a súa tese doutoral na USC, centrada no papel da Infraestrutura Verde como ferramenta estratéxica para lograr unha planificación territorial máis integrada, resiliente e sostible fronte aos desafíos ambientais actuais.

O traballo aborda a perda de biodiversidade e os impactos do cambio climático, partindo da pregunta de en que medida a Infraestrutura Verde pode contribuír á protección da natureza e á provisión de servizos ecosistémicos mediante os seus principios fundamentais, para desenvolver estrategias que faciliten a súa integración na planificación territorial a escala regional. Para dar resposta a isto, a tese desenvolveu ferramentas prácticas que apoian a toma de decisións na planificación territorial: un Sistema de Apoio á Decisión Espacial para identificar corredores ecolóxicos que faciliten o movemento das especies ante o cambio climático; un modelo para delimitar áreas multifuncionais de amortecemento; e unha análise comparativa do sistema de gobernanza entre dous proxectos de planificación estratégica levados a cabo en Galicia e nos Países Baixos.

O estudo evidencia que o éxito da planificación non depende só do deseño técnico, senón tamén da participación activa e coordinada de todos os actores implicados, da claridade da información e da existencia de modelos de gobernanza flexibles, inclusivos e transparentes. Deste xeito, a tese ofrece solucións aplicables que permiten integrar a protección da biodiversidade e os servizos ecosistémicos na ordenación do territorio, fortalecendo a sustentabilidade e resiliencia dos sistemas socioecolóxicos.

Estes resultados ofrecen ferramentas e coñecemento que permiten orientar o debate, deseñar políticas de ordenación do territorio baseadas na natureza e alcanzar unha planificación territorial sostible e resiliente a longo prazo, capaz de responder aos retos climáticos actuais.