
A mobilización e xestión activa do espazo agroforestal centrou este martes no IBADER unha das mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, un proceso de reflexión colectiva que reúne persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para analizar os desafíos do rural galego e propoñer liñas de actuación. Na mesa, coordinada polo Laboratorio do Territorio da USC, participan especialistas procedentes do ámbito académico, institucional e profesional vinculados ao territorio rural.
Na reunión celebrada hoxe abordáronse as principais dificultades que condicionan a xestión das terras agrarias e forestais en Galicia, así como as oportunidades existentes para favorecer o seu uso produtivo e sostible. Durante o encontro, as persoas participantes sinalaron a importancia de impulsar a remuda xeracional para asegurar a xestión activa do territorio —en particular atraendo e apoiando novas entrantes—; destacaron a necesidade de mellorar a información sobre a propiedade da terra, tamén na súa dimensión social; e reflexionaron sobre o conflito existente entre os usos agrogandeiros e forestais nalgunhas áreas de Galicia. Ademais, salientaron a fenda existente entre o marco normativo e instrumental actual e a dificultade das administracións públicas para aplicalo na práctica, xa sexa por cuestións de recursos, gobernanza ou liderado.
Esta sesión súmase á mesa celebrada o pasado 12 de marzo, tamén liderada polo Laboratorio do Territorio, centrada na Ordenación de usos agroforestais e planificación rural. Nesta xuntanza analizouse a complexidade da normativa reguladora destes usos e a necesidade de garantir a súa coordinación e estabilidade. As persoas participantes apuntaron á importancia de aplicar instrumentos de ordenación como o catálogo de solos agropecuarios e forestais, promovendo procesos participativos nos que estean representados todos os axentes involucrados.
O Foro Territorio Rural Resiliente
Estas mesas forma parte do proceso preparatorio do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O foro ten como obxectivo contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e da xestión territorial. As conclusións que xurdan destas sesións servirán de base para o debate do Foro Territorio Rural Resiliente, que se celebrará o 28 de maio en Santiago de Compostela, e no que se presentarán as principais recomendacións e liñas de acción xurdidas do proceso.