Eduardo José Corbelle Rico é Doutor Enxeñeiro de Montes pola Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario de doutoramento no curso académico 2009-2010, coa tese "Abandono da agricultura e cambios da cuberta do solo" dirixida polos profesores Rafael Crecente Maseda e Inés Santé Riveira. Na actualidade é profesor interino de substitución na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e as súas liñas de investigación inclúen os cambios de uso do solo e as transformacións da paisaxe, e o estudo dos mercados de terras.
Ten sido poñente invitado en varios eventos auspiciados pola FAO relacionados coa xestión de terras e o abandono da actividade agraria (LANDNET 2014 Conference, Belgrado; 2nd International Workshop on Land Consolidation and Land Banking, Budapest, 2011; FAO Regional Workshop on Land Tenure and Land Consolidation, Santiago de Compostela, 2009), membro por invitación do panel de expertos sobre abandono de terras agrícolas do Joint Research Centre da Comisión Europea (2012), e membro do comité científico do Open Source Geospatial Research and education Symposium (OGRS) en 2014 (Espoo, Finlandia) e 2012 (Yverdon-les-Bains, Suiza), así como do Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica (Vigo), tamén en 2012 e 2014. É coautor ou coeditor das monografías "Un enorme bazar. O mercado de terras en Galicia" (2016), e "Mercado e mobilidade de terras en Galicia" (2011), así como de diferentes artigos científicos en revistas nacionais e internacionais.