Os compoñentes actuais do SITe son:
Visor SIX participativo
APP visor SIX participativo
Servidor de algoritmos
Algoritmos: OR3, AGRUPE,…
Datos da Infraestrutura de Datos do LaboraTE (IDE-LaboraTe)
Descrición de cada un dos compoñentes do SITe
Visor SIX participativo
O visor SIX participativo do SITe “PPGIS Web” funciona como unha ferramenta para a consulta de información cartográfica e alfanumérica, ao mesmo tempo que permite a interacción na interface editando nova cartografía de interese por parte de calquera usuario rexistrado. Está deseñada para que un usuario sen coñecementos en programación poida configurar, de xeito doado, un visor SIX web para procesos de captura e edición participativa de información xeográfica.
A cartografía e a súa información asociada poderase dispoñer de forma pública para consulta de toda a audiencia ou de forma privada, só para o editor da mesma (e o equipo administrador do portal). Tamén permite a composición de mapas temáticos con elementos cartográficos, tales coma lenda, barra escala, etc., e a súa impresión a formato non editable (PDF).
APP visor SIX participativo
“PPGIS App” é unha App do Sistema Operativo Android que instalada nun smartphone permite conectarse e sincronizar a información cunha instancia concreta (un proxecto determinado) do visor “PPGIS Web”. Deste xeito o usuario pode ver e editar en tempo real a información existente no visor web principal dende o seu móbil, nunha interface axeitada e cómoda para a participación sen necesidade de dispositivos como tablets ou ordenadores persoais. A PPGIS App conéctase e mostra unha versión simplificada dos datos existentes no servidor central, permitindo editar a información cunha funcionalidade similar a facelo en modo nativo. A súa descarga e instalación pode facerse directamente dende o sitio web de cada proxecto.
Servidor de algoritmosEste compoñente, aínda en prototipo con só unha instancia funcional, permitirá servir o conxunto (ou parte del) dos algoritmos do SITe a través da web. Deste xeito cada visor SIX poderá solicitar un cálculo específico realizado por un dos algoritmos, cos parámetros enviados polo visor web, e recuperalo como un mapa ou resultado no propio visor web.
Este compoñente do SITe permite independizar o traballo de cálculos moi esixentes do visor, permitindo que os usuarios só reciban o resultado cando este está listo, sen ter bloqueado o visor SIX namentres se procesa o cálculo.
Algoritmos: OR3, AGRUPE, INVERCLIMA/CLIMAPLAN-DSS,…
De forma similar ao resto dos compoñentes do SITe, os traballos e investigacións do grupo foron desenvolvemento distintos algoritmos de xestión da información espacial. Estes algoritmos programados ao longo do tempo en distintas linguaxes e plataformas constitúen un abano de ferramentas especialmente interesantes, que no SITe se poñen a disposición de xeito organizado e centralizado.
Algúns destes algoritmos son:
-Open Rules:
Un conxunto de ata 11 algoritmos distintos orientado ao proceso da ordenación de usos agroforestais de forma optimizada. Os algoritmos ofrecen varias alternativas (metodoloxías científicas contrastadas) de cálculo para a Avaliación de terras, a Optimización de Superficies (porcentaxe de superficie a adicar a cada uso nun territorio) e Ordenación espacial de usos.
Estes algoritmos contan con versión para distintos SIX, dende RULES sobre Geomedia e programado en Visual Basic, OpenRules 2 sobre gvSIG en Java ata a actual OpenRules 3 sobre QGIS en Python.
-AGRUPE:
É outra ferramenta do tipo dos Sistemas de Axuda a Decisión para a permuta de parcelas que permite agrupar fincas de maior tamaño e máis próximas da explotación, reducindo os custos e os tempos respecto da reestruturación parcelaria clásica. Emprega o sistema de resolución de problemas dos algoritmos xenéticos para ir propoñendo permutas entre un grupo de propietarios de parcelas de forma que sen alterar o plano catastral, a superficie que posúe cada propietario quede cada vez en parcelas máis preto e/ou estremeiras entre si.
-Algoritmos INVERCLIMA/CLIMAPLAN-DSS
Os proxectos INVERCLIMA e CLIMAPLAN-DSS traballaron na delimitación de elementos da Infraestrutura Verde, nos que se desenvolveron algoritmos de delimitación automática destas zonas a partires da preparación de cartografía previa. Dende scripts en linguaxe R para os mapas de cálculos de provisión e análise de sinerxías e antagonismos, ata algoritmos de delimitación automática de zonas de amortecemento e zonas multifuncionais en linguaxe C.
Datos da IDE-LaboraTe
Moitos dos proxectos e traballos do grupo xeran conxuntos de datos e capas de información orixinais, que se ben con fins moi específicos, poden resultar de interese noutros ámbitos.
Os datos que ata agora tradicionalmente quedaban só no formato solicitado por cada proxecto ou entidade financiadora fóronse recopilando nunha estrutura internamente chama IDE-LaboraTE (anque non é formalmente unha Infraestrutura de Datos Espaciais pública).
Estes datos, xa nun formato SIX común, pódense empregar conxuntamente ou cada capa por separado nos distintos proxectos que empregan visores SIX onde sexa útil a súa inclusión.