O vindeiro xoves 7 de xuño terá lugar o acto de entrega da 1ª Edición do Premio «Rafael Crecente» de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTe), da Universidade de Santiago de Compostela, e a través do cal se recorda e recoñece a labor do Profesor Rafael Crecente Maseda.
O evento terá lugar ás 19.00 horas no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo
A vencedora desta primeira edición foi a proposta ‘Galterrae, app móbil de axuda á decisión’, presentada por Dª. Estela Paradelo Fernández. Os criterios empregados pola Comisión para a valoración das propostas seguiron o establecido nas bases publicadas e comprenderon o carácter innovador da idea presentada, a aplicabilidade práctica, o impacto social, ambiental e económico potencial e o contido de innovación social. Ademais, a Comisión decidiu propoñer a concesión dunha mención honorífica ao traballo “Mecanismo Agrario de Reestruturación Comunitaria da Superficie”, presentado por D. Iván Díaz López.
O premio ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible. No mesmo acto farase a presentación pública da 2ª Edición do premio. Os posibles receptores do premio serán estudantes egresados de grao ou máster.
O acto contará co relatorio titulado “Plantacións forestáis e as novas paisaxes” a cargo de D. Francisco Díaz‐Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela.