LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Entrega de galardóns da IV Edición dos Premios Rafael Crecente


O próximo 28 de Setembro, de 12 a 14h, celebrarase o acto de entrega da cuarta edición dos Premios “Rafael Crecente” de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, organizado polo IBADER (Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural) e o Laboratorio do Territorio (GI-1934 TB), da Universidade de Santiago (Campus Terra, Lugo). O evento celebrarase online e en aberto.

Tal e como estipulan as bases da convocatoria, concédense dous galardóns, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000 € e 1.000 € respectivamente. Os galardóns teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible.

As premiadas desta IV Edición son Olga Vallejo e Nerea Fernández, cuxos traballos foron seleccionados entre estas sete propostas candidatas.

  • Proposta de proxecto permacultural: Espiral Crecente. (Olga Vallejo López)

  • Verificación dun sistema que garanta a orixe das fariñas e do pan de trigo autóctono de Galicia mediante o uso de marcadores moleculares e técnicas microscópicas. (María Nerea Fernández Canto)

  • Forest‐Biotech: O potencial dos recursos forestais galegos na innovación de procesos biotecnolóxicos. (Ana Arias Calvo)

  • Aldeas de Bogo: o rexurdir postindustrial. (Celtia Traviesas Méndez)

  • Camiño Circular S. Coop. Galega. (Lara Blanco Fernández)

  • Xestión de grandes superficies da viña mediante o emprego de imaxes multiexpectrais de UAVs e satélites. (Marta Rodríguez Fernández)

  • Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo. (Irene Ortiz Leal e Sara Ruiz Rubio)

A parte da cerimonia de entrega, o evento contará tamén con un relatorio a cargo de Ângela Lomba, investigadora CIBIO (Research Center in Biodiversity and Genetic Resources) da Universidade de Porto.

Aqueles interesados en asistir poderán participar ou seguir o acto a través da canle de Youtube do Laboratorio del Territorio ou por Zoom, e ó igual que a edición anterior haberá interpretación simultánea a inglés. Aqueles usuarios que pretendan seguir o acto en inglés, deberán conectarse usando a aplicación de Zoom para Windows (o acceso dende o navegador ten as funcionalidades moi limitadas e non inclúe opción de interpretación simultánea). Os enlaces a ambos métodos de acceso atópanse ó final desta noticia.

Ligazón canle de Youtube

Ligazón Zoom