LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Ábrese o prazo para a presentación de candidaturas para a V Edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial.


O pasado 28 de Setembro tivo lugar a entrega de galardóns da IV Edición dos Premios Rafael Crecente, ocasión que se aproveitou para anunciar que haberá unha nova convocatoria dos premios e se abre o prazo para a recepción de candidaturas.

Estes galardóns buscan impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia. Valóranse, entre outras cuestións, a viabilidade práctica e aplicabilidade, impacto na sostibilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, e os compoñentes de innovación social, por exemplo, no ámbito da xestión da propiedade.

Nesta V edición mantense a dotación económica (2.000€ para o primeiro premio e 1.000€ para o segundo) e tamén o perfil dos candidatos, que deberán ser titualdos de Grao ou Máster dos últimos 5 anos.

Sen embargo a nova convocatoria presenta novidades con respecto ás edicións anteriores, xa que se amplía o ámbito dos traballos candidatos.

As propostas xa non necesitan ser ideas orixinais senón que tamén se admiten candidaturas baseadas en iniciativas ou traballos preexistentes. Neste caso, as propostas terán que salientar a súa novidade, explicando onde reside a compoñente de innovación e ata que punto a proposta contribúe á iniciativa máis alá do que xa existe.

Por outro lado, aínda que os premios buscan ideas innovadoras que poidan inspirar e mellorar a xestión territorial en Galicia, o alcance das propostas non se limita a esa comunidade autónoma. Neste sentido, acéptanse candidaturas de fóra deste territorio, sempre que sexan detalladas e se refiran de xeito explícito á súa aplicabilidade e / ou viabilidade para o contexto galego. Por exemplo, indicando ata que punto a proposta é replicable en Galicia, cal pode ser a contribución da idea ao contexto galego, que factores poden favorecer ou dificultar a súa aplicabilidade, etc.

O prazo para presentación de candidaturas estará aberto ata o 31 de Xaneiro de 2022. Bases da V convocatoria, relación de traballos presentados en tódalas edicións e máis información en: