LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Entrega de galardóns da V Edición dos Premios Rafael Crecente


O próximo xoves 15 de Decembro ás 18:00 horas, celebrarase o acto de entrega da quinta edición dos Premios “Rafael Crecente” de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, organizado polo IBADER (Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural) e o Laboratorio do Territorio (GI-1934 TB), da Universidade de Santiago (Campus Terra, Lugo).

O acto estará presidido polo Sr. Reitor da USC, Don Antonio López e contará tamén coa presenza de Don Roberto Fernández Rico, Deputado de Recursos Sostibles, en representación da Deputación de Lugo.

Tal e como estipulan as bases da convocatoria, concédense dous galardóns, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000 € e 1.000 € respectivamente. Os galardóns teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible.

Os galardoados nesta V Edición son Olga Vallejo López (1º premio) e Tomás Ariel Arteta Arteta (2º premio):

  • Rehabilitación de vivenda tradicional galega a través dun deseño bioclimático (Olga Vallejo López)

  • Optimización da produción de planta dunha variedade de kiwiño adaptada ós retos do cambio climático mediante técnicas innovadoras agrobiotecnolóxicas e de intelixencia artificial (Tomás Ariel Arteta Arteta)

A maiores da cerimonia de entrega, o evento incluirá o relatorio titulado 'As percepcións da cidadanía sobre o cambio climático: unha análise apoiada en big data’ a cargo da Dra. María Loureiro, do Dept. de Fundamentos da Análise Económica da USC.

O acto terá lugar no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior en Lugo. Será aberto a todos aqueles que se queiran achegar e rematará cun pequeno aperitivo, polo que se agradece a confirmación de asistencia de antemán, a máis tardar o mércores 14 ás 14h, a través deste formulario ou chamando ó 982 822 833.

 
Arquivos