LAB. DO TERRITORIO (G.I. 1934-TB)

Lab. do Territorio / Novas

Publicada por Lab. Territorio

Repensando a planificación territorial en Países Baixos para facer fronte ó cambio climático


O pasado 20 de xullo o Laboratorio do Territorio recibiu a visita de Wim Timmermans, profesor e investigador en Wageningen Environmental Research, especialista en planificación territorial e adaptación ao cambio climático.

O profesor Timmermans presentou novos enfoques para reorientar a planificación urbana e territorial nos Países Baixos enfrontando os retos do cambio climático nun escenario a 100 anos vista. Entre as principais ameazas abordadas están a subida do nivel do mar, o incremento da temperatura nas áreas urbanas e a diminución estacional do nivel do río Rin, unha das arterias principais de circulación de mercadorías dende portos como o de Rotterdam cara o centro de Europa. De acordo cos traballos de Timmermans, conseguir un territorio adaptado e resiliente pasa por deseñar e consensuar unha visión a longo prazo, reorientar as prioridades na zonificación de usos e implicar ós axentes políticos en todo o proceso.

Timmermans presentou tamén un traballo piloto desenvolvido para a provincia de Gelderland na que se fixo un diagnóstico, seguido dunha zonificación e desenvolvemento dunha visión do territorio para 2120. A última fase foi a de exposición e discusión de perspectivas con interlocutores relevantes tales como alcaldes da zona a cargo da planificación territorial.

Para rematar, Wim Timmermans fixo unhas reflexión sobre o contexto galego e a posible orientación da planificación territorial, atendendo ás principais ameazas para o noso territorio e as oportunidades a 100 anos vista.

Máis información: