Enviado por laborate o xov, 12/04/2012 - 10:42 GMT.
O responsable da Organización das Nacións Unidas para a
Alimentación e a Agricultura (FAO) en materia de
posesión da terra e desenvolvemento rural para Europa do Leste e Asia Central,
Richard Eberlin, vén de participar no Máster en Xestión
Sostible da Terra e do Territorio (MTT). Na súa intervención
Richard Eberlin abordou a evolución recente das condicións
en materia de posesión da terra e as políticas asociadas
nos países en transición en Europa do Leste. A situación
de elevada fragmentación é resultado das políticas de restitución
e privatización do inicio de década dos 90, sendo os procesos
de despoboamento e o abandono de terras acontecidos en amplas
áreas dese ámbito xeográfico semellantes ó caso galego.
Para afrontar tal situación a FAO está a promover, no marco
dunha política integral de xestión de terras e do territorio,
a utilización de instrumentos como a re-organización parcelaria
e os bancos de terras. Nese sentido, Richard Eberlin salientou
o interese que por parte da FAO se ten no exemplo do
Banco de Terras de Galicia
(BanTeGal), que considerou moi acaído para situacións de
fragmentación intensa da terra e nas que a mobilidade de
terras se atopa con moitos atrancos. De feito, o pasado
ano levouse a cabo por parte desta organización un
proxecto piloto en Albania
no que expertos do LaboraTe e do BanTeGal implantaron unha
versión simplificada do Sistema de Información de Terras
de Galicia (SITEGAL).
A súa participación encádrase na colaboración existente
entre o LaboraTe e a FAO - que se iniciou en Xuño de 2007
- a través de varias actividades, e da que é responsable
o Prof. Rafael Crecente Maseda por parte da USC. A finalidade
última de dita colaboración é mellora-la xestión sustentable
da terra e do territorio e das políticas de desenvolvemento
rural, o fortalecemento do know-how
rexional, o impulso á cooperación rexional no ámbito da
xestión de terras e do territorio e a elaboración de informes
técnicos, directrices, recomendacións, manuais ou outro
tipo de traballos en apoio á xestión de terras e do territorio
e do desenvolvemento rural. Así, na actualidade estase a
desenvolver un novo volume da serie FAO Land Tenure Studies
en materia de bancos de terras.