O luns 25 de Novembro fíxose pública a resolución da VII Edición dos Premios Rafael Crecente nunha cerimonia celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra. Trala lectura da acta de resolución dos premios, procedeuse á entrega dos diplomas acreditativos ós agasallados fixeron a unha breve presentación das tres propostas premiadas.
Fernando Cabana Porto, galardoado co accesit, explicou como, mediante a análise xenómica de mostras de
Arnica montana L., se poden propoñer estratexias adpatadas de conservación e xestión para esta especie. O estudo é necesario porque, si ben a especie non está en risco de extinción, si existen numerosas poboacións ameazadas ou en proceso de degradación.
Pola súa parte, Lucía Gómez Taboada (2º premio), baseándose no coñecemento de como se inicia e propaga o lume, deseñou unha serie de actuacións para diversos rodais de piñeiro. Ditas propostas están axustadas non só ó combustible e fisiografía de cada zona do monte estudado, senón tamén ás posibilidades de desenvolver lume de copas ou da dificultade de control en caso de incendio.
Finalmente Alejandro Álvarez Fernández (1º premio) fixo unha proposta de establecemento dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos, en Traba de Laxe (A Coruña). O traballo ilustra potencial da introdución de gando cabalar en dita área, non so para controlar de xeito efectivo o mato, senón tamén para diversificar as producións económicas do monte. Alejandro concluíu a súa exposición coa mensaxe de que a xestión sustentable nestes casos pasa pola estreita cooperación entre a administración e os gandeiros.
O acto estivo complementado polo relator invitado, Fco. Javier Sanz Larruga que fixo unha breve exposición da recente Lei de Ordenación do Litoral de Galicia. A presentación fixo especial fincapé nos aspectos máis novidosos desta lei, como o feito de que busca unha xestión integrada da franxa litoral, liderada polo goberno rexional pero colaborando coas distintas administracións con competencias neste ámbito marítimo-territorial, e considerando tanto a compoñente ambiental como a socio-cultural ou a económica.
A cerimonia foi presidida por Mª Elvira López Mosquera, delegada do Reitor para o Campus Terra que estivo acompañada pola Directora da EPSE, Rosa Romero Franco e por Pablo Ramil Rego, Director do Ibader, ámbolos dous da USC. A mesa presidencial, completouse con Ana González Abelleira, Tenente de Alcaldesa de Cohesión Social e Territorial do Concello de Lugo e cos representantes da Deputación de Lugo, Carlos López López (Deputado da Área de Medio Ambiente) e Daniel García Fernández (Deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade).
O anuncio dunha nova convocatoria dos premios, a VIII edición pechou a celebración. Esta edición, que en breve terá as súas bases publicadas, será especial xa que conmemora os 10 anos do pasamento de Rafael Crecente.
Máis información:
- Relatorio convidado: Fco. Javier Sanz Larruga - A ordenación do litoral
- 1° Premio - Establecemento dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos (Traba de Laxe, A Coruña). (Alejandro Álvarez Fernández) - Ficha - Presentación
- 2° Premio - Avaliación do comportamento do lume potencial en rodais de Piñeiro. (Lucía Gómez Taboada) - Ficha - Presentación
- Accesit - Análises xenómicas en poboacións naturais de Arnica montana L.” (Fernando Cabana Porto) - Ficha - Presentación
Vídeos:
Outros: