Os
Premios Rafael Crecente encaran a súa VIII Edición coa mesma vontade de inspirar a innovación na xestión territorial, pero con importantes novidades, ampliándose o espectro de posibles persoas candidatas
(data límite 20 de Setembro).
Esta VIII Edición é especial xa que se cumpren 10 anos do pasamento de Rafael Crecente, que adicou a súa traxectoria profesional a tratar de responder á pregunta “que facemos coa terra?”, sempre cunha mirada holística e inclusiva. A variedade de
propostas recibidas e premiadas ó longo destes sete anos, dan boa conta dos múltiples enfoques existentes e necesarios para abordar esta cuestión tan complexa. É por iso que os Premios manteñen a temática e seguen a recoñecer iniciativas innovadoras de xestión territorial relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.
En canto ós candidatos, amplíase o perfil. Poderá candidatarse aos Premios calquera persoa que obtivera a súa titulación universitaria (Grao, Máster ou Tese de Doutoramento) nos últimos 10 anos. Tamén o poderán facer candidaturas colectivas nas que o representante da proposta cumpra esa condición. No caso de alumnos de dobre grao, poderán concorrer si xa teñen un dos dous TFGs aprobados. As persoas candidatas poderán concorrer ao Premio con traballos académicos (TFG, TFM, tese) ou ben con ideas orixinais, iniciativas ou proxectos en fase de proposta ou xa executados. En todo caso, o/a autor/a ou autores/as deberán destacar o seu carácter novidoso, explicando onde reside a compoñente de innovación.
Os Premios buscan ideas innovadoras que poidan inspirar e mellorar a xestión territorial en Galicia, mais o ámbito das propostas non se circunscribe á devandita comunidade autónoma. Neste sentido acéptanse propostas de fóra deste territorio, a condición de que se detalle e faga referencia explícita á súa aplicabilidade e/ou viabilidade no contexto galego. Por exemplo, indicando en que medida a proposta é replicable en Galicia, cal pode ser a achega da idea ao contexto galego, que factores poden favorecer ou dificultar a súa aplicabilidade, etc.
As persoas candidatas teñen ata o 20 de Setembro de 2025 para enviar a súa proposta ao enderezo
premio.rafaelcrecente@usc.es. O acto de entrega de galardóns está previsto para o xoves 16 de Outubro de 2025, en Lugo.
Ligazóns e arquivos: