SITe
Que é o SITe?
O SITe é un conxunto de ferramentas de información xeográfica pensadas para apoiar a ordenación territorial e a xestión de terras. Trátase dun sistema dinámico desenvolvido polo Land Lab da USC, que reúne de forma integrada diferentes programas para a visualización, edición e procesado de información espacial. O seu obxectivo é facilitar o uso destas tecnoloxías a calquera persoa interesada ou implicada na xestión territorial e, en particular, favorecer a difusión do coñecemento sobre o territorio e mellorar as decisións e prácticas vinculadas á xestión da terra.
Historia do SITe

Ao longo dos anos, a través da súa participación en numerosos proxectos relacionados co territorio —e da xestión de información gráfica, xeoespacial e alfanumérica asociada a eles— o Land Lab foi creando, adaptando e perfeccionando un conxunto de ferramentas, principalmente de software e tecnoloxías da información, para dar resposta ás súas necesidades de traballo.
Moitas destas ferramentas teñen entidade propia, pero o contexto no que foron desenvolvidas fai que, cando se empregan conxuntamente ou por grupos, gañen relevancia e optimicen as súas funcionalidades.
Deste modo, o conxunto de compoñentes conforma unha especie de “office suite” -a modo de paquete ofimatico- especializado no territorio e na xestión da súa información xeográfica, orientado aos tipos de proxectos e liñas de investigación propias do LaboraTe.
Cada compoñente pode ter unha natureza informática distinta: desde visores web desenvolvidos desde cero ata a incorporación de novos algoritmos nun programa SIX básico. En ocasións, pola súa relevancia, a propia implementación dun destes compoñentes nun proxecto ou nunha entidade concreta pasa a formar parte do paquete SITe, sempre que achegue un valor xeral ao resto das ferramentas. É o caso, por exemplo, do conxunto de datos e mapas elaborados polo Land Lab que se integran como elemento fundamental nun dos visores do SITe.
Compoñentes
Os compoñentes actuais do SITe son:
O visor SIX participativo do SITe “PPGIS Web” funciona como unha ferramenta para a consulta de información cartográfica e alfanumérica, ao mesmo tempo que permite a interacción na interface editando nova cartografía de interese por parte de calquera usuario rexistrado. Está deseñada para que un usuario sen coñecementos en programación poida configurar, de xeito doado, un visor SIX web para procesos de captura e edición participativa de información xeográfica.
A cartografía e a súa información asociada poderase dispoñer de forma pública para consulta de toda a audiencia ou de forma privada, só para o editor da mesma (e o equipo administrador do portal). Tamén permite a composición de mapas temáticos con elementos cartográficos, tales coma lenda, barra escala, etc., e a súa impresión a formato non editable (PDF).
“PPGIS App” é unha aplicación para Android que, instalada nun smartphone, permite conectarse e sincronizar información cun proxecto concreto do visor “PPGIS Web”. Deste xeito, o usuario pode ver e editar en tempo real a información existente no visor web principal dende o móbil, mediante unha interface máis cómoda para a participación sen necesidade doutros dispositivos como tablets ou ordenadores persoais. A PPGIS App conéctase e mostra unha versión simplificada dos datos existentes no servidor central, permitindo editar a información cunha funcionalidade similar á do modo nativo. A súa descarga e instalación poden facerse directamente dende o sitio web de cada proxecto.

Os traballos e investigacións do grupo permitiron desenvolver ao longo do tempo diversos algoritmos de xestión da información espacial, programados en diferentes linguaxes e plataformas. Estes algoritmos constitúen un conxunto de ferramentas de grande utilidade, que no SITe se organizan e dispoñen de maneira centralizada.
Algúns destes algoritmos son:
-Open Rules:
Conxunto de 11 algoritmos orientados á ordenación optimizada de usos agroforestais. Ofrecen varias alternativas (metodoloxías científicas contrastadas para a avaliación de terras, a optimización de superficies e a ordenación espacial de usos.
Existen versións para distintos SIX, dende RULES sobre Geomedia e programado en Visual Basic, OpenRules 2 sobre gvSIG en Java, ata a actual OpenRules 3 en QGIS con Python.
-AGRUPE:
Ferramenta de Axuda á Decisión para a permuta de parcelas, permitindo agrupar fincas máis grandes e próximas á explotación, reducindo tempos e custos respecto da reestruturación parcelaria clásica. Utiliza algoritmos xenéticos para propoñer permutas entre un grupo de propietarios mantendo o plano catastral, pero reorganizando as parcelas para que cada propietario posúa superficies máis preto e/ou próximas entre si.

-Algoritmos INVERCLIMA/CLIMAPLAN-DSSUSC
Os proxectos INVERCLIMA e CLIMAPLAN-DSS traballaron na delimitación de elementos da Infraestrutura Verde, nos que se desenvolveron algoritmos de delimitación automática destas zonas a partir de cartografía previa. Inclúe scripts en linguaxe R para obter cálculos de provisión e análise de sinerxías e antagonismos, así como algoritmos en C para a delimitación automática de zonas de amortecemento e áreas multifuncionais.
Este compoñente, aínda en fase de prototipo cunha única instancia operativa, permitirá servir parte ou a totalidade dos algoritmos do SITe a través da web. Deste xeito, cada visor SIX poderá solicitar un cálculo específico realizado por un dos algoritmos, enviando os parámetros necesarios e recuperando o resultado como un mapa ou produto directamente no visor web.
Este compoñente permite liberar ao visor de tarefas de cálculo moi esixentes, facendo que os usuarios reciban unicamente o resultado final sen bloquear o funcionamento do visor SIX.
Moitos proxectos do grupo xeran conxuntos de datos e capas de información orixinais que, aínda que creadas para fins específicos, poden resultar útiles noutros.
Estes datos fóronse compilando nunha estrutura interna chamada IDE-LaboraTE, que, sen ser formalmente unha IDE pública, , permite organizar a información nun formato SIX común empregable, permitindo a súa inclusión en distintos proxectos que utilizan visores SIX cando esta información poida ser de utilidade.
Implementacións do SITE
| Ano | Título | Entidades |
|---|---|---|
| 2024 | https://gis.gdrterraeauga.gal/ | GDR Terra e Auga |
| 2023 | https://vinhocondado.laborate.es/ | GDR Terra e Auga |
| 2023 | https://norural.laborate.es/ | GDR Seitura 22 |
| 2022 | https://cultivanasmarinas.gal/ | GDR Terras das Mariñas |
| 2022 | https://estratexiasgdr.laborate.es/ | AGADER |
| 2022 | https://agromanure.laborate.es/ | Pxto Investigación (USC) |
| 2022 | https://aterra.gal/ | GDR Limia-Arnoia |
| 2022 | https://limia-arnoia.laborate.es/ | GDR Limia-Arnoia (USC) |
| 2022 | https://sixtuate.laborate.es/ | Pxto Piloto (AGACA) |
| 2021 | /https://climaplan.laborate.es/ | Pxto Investigación (USC) |
| 2021 | https://forvalue.laborate.eu | Pxto Interreg (USC) |
| 2021 | https://conexus.laborate.eu/ | Pxto Internacional (USC) |
| 2020 | https://inverclima.laborate.es/ | Pxto Investigación (USC) |