Terractiva
TERRACTIVA ofrece unha proposta metodolóxica para apoiar ás persoas novas entrantes (NE) que se incorporan por primeira vez na agricultura e na gandaría. Por este motivo, diríxese principalmente ás entidades e profesionais que, dun xeito ou doutro, acompañan e asesoran ás NE no inicio da súa actividade, así como a aquelas que desexan comezar a prestar este tipo de apoio. Con todo, as propias persoas novas entrantes tamén poden facer uso dos recursos dispoñibles.
A parte máis visual de TERRACTIVA consiste nun visor web acompañado dun SIX básico, adaptable ás necesidades de cada entidade. Este visor está deseñado para reunir recursos que orienten e apoien ás novas persoas entrantes nun territorio concreto, podendo incluír desde experiencias inspiradoras ata guías sobre actividades agrarias con potencial na comarca.
O SIX e o seu visor asociado funcionan como ferramentas de apoio, que se adaptan ás prioridades de cada entidade ou profesional. Poden integrar diferentes recursos territoriais, como terra dispoñible, localización de servizos (talleres, matadoiros, entidades de asesoramento, produtores de sementes, cooperativas, etc.). Ademais, se a entidade desexa ir un paso máis alá, pode convertelo nunha ferramenta participativa onde as usuarias e os usuarios poidan incorporar os seus propios recursos (desde parcelas ata oficinas de técnicos agrícolas).
En conxunto, estes servizos web funcionan como unha auténtica caixa de ferramentas para organizar e poñer a disposición unha variedade de recursos destinados a apoiar ás persoas novas entrantes. O contido final dependerá de múltiples factores, entre eles o grao de implicación que cada entidade ou profesional queira asumir no labor de asesoramento.
O proxecto
TERRACTIVA nace como un grupo operativo, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014‑2020. O seu obxectivo é mellorar as capacidades técnicas e xerar recursos que reforcen o apoio ás persoas novas entrantes no proceso de incorporación á agricultura. Para iso, partiu de dous obxectivos fundamentais: propoñer un marco metodolóxico e un conxunto de ferramentas para impulsar o acceso á terra agraria, e facilitar a incorporación á agroecoloxía.
Neste proxecto colaboraron o Land Lab, a Asociación EFA Fonteboa, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas–Betanzos, a Fundación Juana de Vega, Horsal, Slow Food Compostela e Granxas de Lousada.
Algúns do resultado acadados poden consultarse nas seguintes publicacións:
- Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras.
- Aterrando no sector agrario: Como apoiar ás persoas novas entrantes no acceso á terra?
- Guía para apoiar as persoas novas entrantes na agroecoloxía.
- NOVAS E NOVOS ENTRANTES INFORME DE PERFÍS: Resultados da investigación cuantitativa e cualitativa.
- Avicultura artesanal na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas. Guía para persoas novas entrantes.
- Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Mapas de oferta potencial de terras a nivel parroquial no GDR Mariñas-Betanzos.
- Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Metodoloxía de avaliación da oferta potencial de terras agrarias aptas para acoller actividades agrarias a nivel parroquial.