Saltar ao contido

A nosa historia

No plano investigador, parte dos membros do grupo intégranse no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), e parte no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A participación neste último articula a colaboración con investigadores das ciencias sociais e humanidades (nomeadamente, das áreas de economía aplicada, historia económica e historia contemporánea), que tamén se pode comprobar a través da nómina de proxectos e publicacións recentes, reflexo dunha forte colaboración interdisciplinar.

  • Ordenación do territorio
  • Desenvolvemento rural
  • Posesión da terra e xestión do territorio
  • Planificación da paisaxe
  • Sistemas de Información Xeográfica (SIX), fotogrametría e teledetección
  • Cooperación para o desenvolvemento

No ano 2000, o Laboratorio do Territorio e o Laboratorio de Biodiversidade do Campus de Lugo fusionáronse, dando lugar ó grupo de investigación Territorio, Biodiversidade da USC. En conxunto, o grupo enfoca o seu traballo á xestión territorial, con especial atención ao territorio rural e aos espazos naturais. Destaca desde o inicio da súa actividade o emprego de tecnoloxías xeoespaciais.

En 2013 o Laboratorio do Territorio afrontou a súa maior crise coa baixa do seu fundador, o prof. Rafael Crecente. A partir dese momento, a coordinación do grupo pasou a ser asumida polo prof. David Miranda.

Así e todo Rafael Crecente e o seu legado seguen presentes no grupo, non so tematicamente. Despois de varias homenaxes por iniciativa do Laboratorio do Territorio e en colaboración co IBADER, no 2017 naceron os Premios “Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial”. Convocados anualmente, Os Premios están orientados a xóvenes titulados e buscan impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

«Que deberiamos facer coa terra que temos?» Con esta pregunta aparentemente sinxela, Rafael Crecente deixou unha pegada duradeira nunha ampla comunidade de persoal investigador, profesionais e responsables públicos. Máis ca unha cuestión, era unha invitación a pensar, a comprometerse e a actuar. A misión de Rafa era construir pontes entre os campos científicos, así como a investigación e a acción. Entendía o territorio como algo vivo, complexo, que só pode ser comprendido e mellorado dende unha mirada aberta e integradora. Como adoitaba dicir, para avanzar no coñecemento cómpre «integrar e transcender»: ir máis alá dos límites establecidos, mesturar saberes e abrir novos camiños.

Dende o LaboraTe, Rafa defendeu unha visión holística e unha práctica transdisciplinar da xestión territorial. A súa forma de traballar era unha invitación constante a ampliar horizontes, a escoitar outras voces, a incorporar novas miradas.

«In nature, hybrid species are usually sterile, but in science the reverse is often true. Hybrid subjects are often astonishingly fertile, whereas if a scientific discipline remains too pure it usually wilts.» (Francis Crick, 1988, What Mad Pursuit).