Ciencia de xeodatos
A ciencia de xeodatos é un campo interdisciplinar onde se explota a compoñente espacial dos datos para entender as bases do territorio desde o punto de vista humano, a súa evolución e o seu posible futuro dunha maneira completa. Fundamentada nas matemáticas, teledetección, enxeñaría e informática, a súa metodoloxía inclúe a destilación de modelos matemáticos, o desenvolvemento de algoritmos de análise xeoespacial para simulación e optimización multiobxectivo, o uso de estatística clásica, técnicas de machine learning, analítica big data, e computación de alto rendemento para recompilar grandes volumes de datos complexos, razoar sobre eles, extraer conclusións e ofrecer información integral sobre o territorio. Para iso precisa de bases de datos con información espacial, imaxe satelital, nubes de puntos LiDAR, sistemas de información territorial, mapas web e fontes de datos máis clásicas como parcelarios e estatísticas oficiais, atlas de distintas disciplinas, ou fichas.
Para os obxectivos declarados do laboratorio (ordenación e transición territorial, cambios de uso e propiedade da terra, xestión de terras para a mobilización do abandono, sistemas alimentarios, infraestrutura verde e servizos ecosistémicos), a ferramenta básica son os sistemas de información xeográfica (SIX), que proporcionan capacidades de análise espacial cós que o usuario pode entender patróns, relacións e o contexto do territorio, co obxectivo último de poder tomar decisións informadas.
De maneira complementaria, o traballo do laboratorio en ciencia de xeodatos apóiase en tres grandes alicerces:
1. A dispoñibilidade de grandes volumes de datos de calidade, xerados ao longo de anos de traballo baixo estas liñas de investigación, limpos, metadatados, datados, datos de calidade e enfocados no territorio desde múltiples puntos de vista. Para dispoñibilizar esta información a todos os membros e proxectos en curso desenvolveuse unha IDE interna, sempre en expansión.


2. O desenvolvemento de algoritmos xeoespaciais propios para o modelado e a simulación heurística, para propor solucións non analíticas a problemas de planificación territorial. Estes algoritmos funcionan sobre infraestrutura propia, desenvolvida especificamente para eles, pero poden ser migrados a grandes centros de cálculo no futuro. Ademais, naqueles casos onde sexa posible, impleméntanse tamén como extensións de sistemas de escritorio (preferentemente sobre software libre como QGIS) para facilitar o acceso e uso destas ferramentas a non especialistas.
3. Un enfoque en tecnoloxías web para facilitar a participación, difusión ou visualización de información espacial, que comprende tanto visores e ferramentas sixweb como unha plataforma para a participación pública.
