EU CAP Network | EIP-Agri
Conectando e inspirando a innovadores en toda a UE
Dende 2013, a USC – a través do Laboratorio do Territorio- forma parte da equipa europea da EU CAP Network | EIP‑AGRI . Dende esta posición, contribuímos a conectar persoas e iniciativas: agricultores, asesores, investigadores, empresas, ONG e moitos outros actores que traballan para transformar as áreas rurais. A nosa equipa participa no deseño e facilitación de actividades de networking, como grupos de enfoque, seminarios ou visitas cruzadas entre proxectos innovadores. Ademais, lideramos a División D, temáticamente centrada en retos socioeconómicos clave no medio rural, como a renovación xeracional, o emprego, a igualdade e a promoción da bioeconomía circular e da silvicultura sostible.
A EIP‑AGRI (Asociación Europea para a Innovación en Produtividade e Sustentabilidade Agrícolas), impulsada pola Comisión Europea, ten como finalidade acelerar a innovación conectando persoas e fortalecendo os fluxos de coñecemento na agricultura, na silvicultura e nos territorios rurais. O seu traballo baséase nun modelo de innovación interactiva que promove a colaboración práctica entre profesionais con perfís moi diversos. Entre as súas funcións principais destacan:
- Impulsar o networking entre profesionais da práctica e da investigación, facilitando o intercambio de coñecemento e a xeración de novas ideas innovadoras —a través de obradoiros, grupos de debate, seminarios e visitas cruzadas.
- Informar, inspirar e dar visibilidade á innovación, mediante publicacións, un boletín mensual, unha revista anual, presenza activa en redes sociais e comunicados de prensa.
- Identificar as necesidades reais do sector e trasladalas á axenda investigadora europea e estatal, axudando a reducir a fenda entre a investigación e a aplicación práctica no territorio.
- Recoller e analizar información sobre Grupos Operativos e proxectos de innovación financiados pola UE, identificando sinerxías, oportunidades de colaboración e impulsando a creación de novas redes.
A EU CAP Network
A EU CAP Network nace da integración da EIP‑AGRI, da antiga Rede Europea de Desenvolvemento Rural e do Evaluation Helpdesk da PAC, que funcionaron durante o período 2014‑2020. É unha iniciativa promovida pola Comisión Europea para optimizar a circulación de información e o intercambio de coñecemento sobre a política agrícola e o desenvolvemento rural dentro da Unión Europea. Funciona como un espazo de encontro no que administracións, persoal investigador, profesionais do sector agrario, empresas, grupos locais e outros axentes poden compartir experiencias, boas prácticas e coñecemento relacionado coa implementación da Política Agraria Común (PAC). Dentro da EU CAP Network, a EIP-AGRI traballa para o fornecemento e aceleración da innovación e o intercambio de coñecemento relacionado coa agricultura, gandeiría e o desenvolvemento das áreas ruráis.
