Saltar ao contido

Sistemas alimentarios e remuda xeracional en agricultura

Baixo esta liña de investigación analízase o sistema agroalimentario adoptando unha visión holística e sistémica. Abórdanse tanto a evolución do sistema como a dos procesos internos ou externos que o afectan considerando as complexas interrelacións que se producen entre os elementos que o conforman. Deste xeito, estúdase a dispoñibilidade de recursos para a produción, o impacto da dieta no territorio, os conflitos emerxentes e os factores que garanten a seguridade alimentaria. Baixo esta liña abórdase a análise de actores que interveñen no sistema e das súas interrelacións, considerándoos axentes activos nos procesos de ordenación territorial e nos procesos de investigación.  

En Galicia, o avellentamento das explotacións e a falta de remuda evidénciase en que case a metade das xefaturas de explotación estaban por riba da idade de xubilación xa no ano 2020. Así e todo, o fenómeno transcende o demográfico, véndose afectado por cambios nos usos do solo e a propiedade, nas políticas agrarias, ou na mesma organización social. Dende o Laborate, a remuda xeracional abórdase como un proceso relacional de entrada, continuidade e saída do sector agrario, tanto de productores/as como de familias, persoal traballador, entidades de asesoramento/acompañamento, axentes políticos, sector educativo, mercados, etc. O traballo de investigación céntrase na análise dos procesos, relacións e condicións de todos estes actores que inflúen a incorporación e saída dos distintos perfís. 

A continuidade do sistema alimentario galego ten implicacións na produción alimentaria local a longo prazo, así como na conservación de coñecementos tradicionais vencellados ao agro, ou nos ecosistemas e a paisaxes agrarios. Esta liña de investigación céntrase na funcionalidade do sistema alimentario, na xestión dos recursos e na seguridade alimentaria e relaciónase con outras liñas de investigación do laboratorio como a ordenación territorial, a xestión de terras, ou a infraestrutura verde e os servizos ecosistémicos.