Saltar ao contido

Crise enerxética e rexeneración agraria – Tour NonNormal

O pasado 17 de abril, a Casa de Chocolate de Ourense acolleu a charla-coloquio “Guerras polo petróleo e transicións posibles. A rexeneración agraria do territorio”, no marco da iniciativa NonNormal, unha iniciativa desenvolvida entre o 13 e o 19 de abril en distintos puntos do Estado para abrir o debate sobre a crise enerxética, as tensións xeopolíticas e os límites do modelo actual. A charla foi impartida por Quico Ónega, membro do Laboratorio do Territorio da USC.

O Tour NonNormal é un espazo de divulgación, reflexión e mobilización arredor da crise enerxética, os límites materiais da civilización industrial e a consciencia de que o modelo económico e social recente nunca foi realmente sostible, nin o será.

A intervención partiu do diagnóstico xeral formulado por NonNormal, centrado na dependencia masiva dos combustibles fósiles do modelo de produción e consumo actual, a vulnerabilidade do sistema global e a imposibilidade dunha transición por substitución tecnolóxica. Neste punto é preciso cambiar de raíz o modelo actual por outro que acolla como alicerces fundamentais a xustiza social e a realidade material dun planeta finito.

Nese marco, a charla achegou unha lectura específica do caso galego, poñendo o foco nas transformacións do territorio rural e na evolución recente do sector agrario e os usos da terra. A presentación abordou cuestións como a perda de base territorial agraria, o abandono e forestación de terras, a intensificación gandeira e a crecente dependencia de pensos, fertilizantes, maquinaria e importacións de todo tipo de insumos. Deste xeito, relacionose o diagnóstico global da crise enerxética coas dinámicas territoriais de Galicia, subliñando a vulnerabilidade do actual modelo agroalimentario e a necesidade de repensar as transicións desde o territorio.

A presentación abordou o chamado ‘paradoxo do modelo agroalimentario galego’: Galicia perde base territorial agraria e, á vez, intensifica a súa gandería; reduce superficie útil propia pero aumenta a dependencia da importación de pensos, fertilizantes e todo tipo de insumos; mentres que non produce suficientes alimentos básicos para a súa poboación (pouco máis do 10% do cereal para consumo humano) e “importa” indirectamente unha superficie de cultivo un 150% superior á súa propia superficie cultivada.

Como enfoque propositivo, a charla apuntou á rexeneración agroecolóxica do territorio como unha vía para avanzar cara a sistemas alimentarios máis resilientes, baseados na recuperación da terra agraria, a diversificación produtiva, a protección dos recursos naturais básicos e a reconexión entre agricultura, sociedade e territorio no marco da agroecoloxía.