Os Premios de Investigación Rafael Crecente chegan este ano á súa novena edición, consolidándose como unha das iniciativas de referencia para impulsar o talento emerxente e a innovación aplicada ao desenvolvemento rural, á conservación do medio ambiente e á xestión territorial en Galicia.

Convocados anualmente dende 2017 pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e do Laboratorio do Territorio (LaboraTe), os premios constitúen unha homenaxe á figura do profesor Rafael Crecente Maseda, un dos principais referentes da ordenación e xestión territorial en Galicia e impulsor de numerosas iniciativas pioneiras neste ámbito.
A convocatoria da IX edición xa está aberta e o prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026. Como principal novidade desta edición, o procedemento de presentación das propostas pasa a realizarse exclusivamente a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC, substituíndo o sistema empregado en convocatorias anteriores. Este cambio permite adaptar a convocatoria aos procedementos de administración electrónica da Universidade, reforzando as garantías administrativas e facilitando a xestión dun número de solicitudes que segue a medrar edición tras edición.
Case unha década impulsando ideas para transformar o territorio
Ao longo das súas oito edicións anteriores, os Premios Rafael Crecente contribuíron a identificar e dar visibilidade a propostas innovadoras vinculadas á sustentabilidade, á innovación territorial e ao desenvolvemento rural. Na última edición, o primeiro premio recaeu en Lorena Salgado e Rubén Forján, mentres que o segundo premio foi para Laura Prieto. Ademais, o xurado concedeu varios accésits para recoñecer a calidade doutras propostas presentadas, reflectindo o elevado nivel das candidaturas recibidas e a diversidade de enfoques dende os que se pode contribuír á mellora do territorio galego. As propostas premiadas poden consultarse na páxina web de LaboraTe.
A convocatoria está especialmente dirixida a persoas tituladas recentemente, premiando ideas e proxectos con capacidade para xerar impacto real sobre o territorio galego.
O xurado valorará aspectos como a viabilidade práctica das propostas, a súa aplicabilidade, a contribución á sustentabilidade territorial e á xestión dos recursos, así como os seus compoñentes de innovación social.
Dous premios e recoñecemento ao talento novo
A IX edición contempla a concesión de dous galardóns:
- Primeiro premio: 2.000 euros e diploma acreditativo.
- Segundo premio: 1.000 euros e diploma acreditativo.
A entrega dos premios está prevista para o outono de 2026 na cidade de Lugo.
Como participar
Toda a información relativa á convocatoria, incluídas as bases e a documentación necesaria para presentar as candidaturas, está dispoñible a través do Taboleiro Electrónico da USC e da páxina web do IBADER.
As persoas interesadas deberán presentar as súas propostas a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC antes do 30 de setembro de 2026.
Dende a organización anímase ás persoas recentemente tituladas a presentar as súas propostas e contribuír con novas ideas aos retos do desenvolvemento rural, da sostibilidade ambiental e da xestión do territorio en Galicia.
Para consultas ou dúbidas sobre o proceso de presentación, a organización pon á disposición das persoas candidatas o correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es