Saltar ao contido

ACTIVAVERDE preséntase para converter a paisaxe agraria nun aliado fronte ao cambio climático e os incendios

O Centro Social de Muimenta, en Carballeda de Avia, acolleu a presentación do proxecto ACTIVAVERDE, unha iniciativa que busca reforzar a infraestrutura verde de Galicia a través da bioeconomía agraria e da xestión multifuncional do territorio. A xornada reuniu representantes institucionais, persoal investigador e iniciativas locais arredor dos retos da adaptación ao cambio climático e da prevención dos incendios forestais.

O proxecto está impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do LaboraTe, xunto coa Fundación TerrEO, o GDR Terra e Auga e o Concello de Carballeda de Avia. A participación da USC céntrase no desenvolvemento de metodoloxías de planificación territorial, gobernanza participativa e apoio técnico ás actuacións piloto que se levarán a cabo ao longo do proxecto.

Durante a xornada déronse a coñecer os obxectivos e liñas de traballo de ACTIVAVERDE, que promoverá a implantación de cinco sistemas agrarios multifuncionais baseados na silvicultura rexenerativa e no aproveitamento silvopastoril. Entre as actuacións previstas figuran experiencias piloto no monte veciñal de Paraños, no concello de Covelo, diferentes localizacións en Ribeira de Piquín e unha área experimental de horta ecolóxica nun espazo afectado por incendios forestais.

A programación incluíu a conferencia Bioeconomía para a mellora da infraestrutura verde e a resiliencia aos incendios, impartida por Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo, así como a presentación de experiencias inspiradoras relacionadas coa xestión multifuncional do territorio, a Escola de Pastores de OVICA, a olivicultura como oportunidade para a infraestrutura verde ou a apicultura rexenerativa de Meleiras de Suído.

A xornada concluíu cunha visita a Muimenta Viva, iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, que foi presentada pola Fundación RIA, onde as persoas asistentes puideron coñecer experiencias de rehabilitación, coliving rural e arraigamento poboacional.

ACTIVAVERDE parte da idea de que os espazos agrarios e forestais ben xestionados poden contribuír á conservación da biodiversidade, á regulación hídrica, á redución do risco de incendios e á xeración de actividade económica no medio rural. Ademais das actuacións piloto, o proxecto contempla a elaboración de plans operativos de bioeconomía, o desenvolvemento de procesos de ciencia cidadá e o impulso de canles curtas de comercialización.

ACTIVAVERDE conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través da cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).