A investigadora do LaboraTe, María José Iniesto Alba, acaba de defender a súa tese doutoral na USC, na que analiza o papel dos vehículos aéreos non tripulados (UAV) na documentación xeométrica do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, nun contexto marcado pola rápida evolución das tecnoloxías dixitais.

O traballo pon de manifesto como estas ferramentas, combinadas con técnicas como a fotogrametría e o escaneado láser, permiten obter modelos tridimensionais de alta precisión, mellorando a calidade, rapidez e custo dos procesos de rexistro patrimonial.
A investigación céntrase en dous aspectos clave: por unha banda, a análise da aceptación e uso dos UAV por parte de profesionais do patrimonio, mediante un modelo innovador baseado nas teorías TAM e UTAUT; e, por outra, o estudo da súa integración con outras tecnoloxías de captura de datos, destacando a complementariedade e eficiencia dos sistemas combinados.
Os resultados evidencian que os UAV están amplamente aceptados no sector e que a utilidade percibida e a dispoñibilidade de recursos técnicos son factores determinantes para a súa adopción. Ademais, demóstrase que a integración de datos procedentes de diferentes sensores (UAV, escáner láser, fotogrametría terrestre) permite acadar unha documentación máis completa, precisa e multiescalar do patrimonio.
A tese tamén identifica aplicacións avanzadas, como a xeración de modelos 3D, ortofotos, bases de datos espaciais, HBIM ou contornos inmersivos en realidade virtual, que contribúen á conservación, xestión e difusión do patrimonio cultural. Finalmente, sinala como principais retos a necesidade de estandarización de datos, a formación técnica e a adaptación ao marco normativo, e apunta cara a un futuro marcado pola automatización, a interoperabilidade e o uso de intelixencia artificial.
En conxunto, o traballo consolida o papel dos UAV como unha ferramenta estratéxica para a transformación dixital do patrimonio, con impacto directo na súa protección, estudo e divulgación.
A tese foi dirixida por David Miranda Barrós e Mª Amparo Núñez Andrés.