O Foro Territorio Rural Resiliente celebrou o pasado 28 de maio na Cidade da Cultura de Galicia o seu evento central, reunindo a 200 persoas do tecido social, económico, institucional, político e académico arredor dunha proposta compartida para avanzar cara a unha Galicia rural máis activa, ordenada e resiliente.






A xornada serviu tamén para presentar a Alianza para un Territorio Rural Resiliente, unha rede aberta de colaboración orientada a dar continuidade ao traballo desenvolvido durante os últimos meses no marco do Foro e a poñer en marcha un plan de acción inicial. A iniciativa, que está promovida polo Laboratorio do Territorio e pola Fundación Juana de Vega e conta coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, recolle o traballo previo de máis de 120 entidades participantes nas mesas de traballo impulsadas desde marzo.
A participación de LaboraTe no Foro conecta directamente coas súas principais liñas de traballo arredor da ordenación e transición territorial, a xestión activa da terra, os sistemas alimentarios territoriais e a remuda xeracional agraria. Desde esta perspectiva, o Foro permitiu situar no debate público a necesidade de planificar de forma integrada os usos agrícolas, gandeiros e forestais, mellorar a coordinación entre instrumentos de ordenación, mobilización e gobernanza, e avanzar cara a modelos territoriais capaces de reducir conflitos de uso, previr incendios e recuperar funcionalidade produtiva, ambiental e social no rural galego. Ao mesmo tempo, a reflexión sobre a remuda agraria puxo de manifesto que a incorporación de novas persoas e proxectos ao sector é fundamental e que esta non depende só das axudas á instalación, senón tamén do acceso á terra, da dispoñibilidade de vivenda, da formación, do acompañamento técnico, das redes de apoio e da viabilidade económica das iniciativas.
Esta lectura integral, que combina coñecemento técnico, análise territorial, participación social e cooperación institucional, forma parte do enfoque de investigación-acción que LaboraTe vén desenvolvendo nos últimos anos.
A creación da Alianza abre agora unha nova fase orientada á acción. O plan inicial prevé a posta en marcha de grupos de traballo sobre diálogo coas administracións, apoio técnico a iniciativas territoriais, remuda agraria, ordenación de usos agroforestais, servizos ecosistémicos e comunicación social. Desde LaboraTe, esta continuidade representa unha oportunidade para seguir poñendo o coñecemento, a capacidade de análise territorial e a metodoloxía participativa ao servizo dun rural galego máis vivo, funcional e resiliente.