Saltar ao contido

Bota a andar GREENSEED: impulso ó emprendemento e fortalecemento do ecosistema de apoio na bioeconomía

O pasado 29 de abril, a Adega Ladairo (Oímbra) acolleu a presentación do proxecto GREENSEED, o cal busca reforzar o ecosistema transfronteirizo de apoio ao emprendemento en bioeconomía, especialmente no sector agrario, mediante a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal.

GREENSEED impulsará en catro comarcas piloto, dúas a cada lado da raia,  Ecosistemas Territoriais de Apoio ao Emprendemento en Bioeconomía (ETEB), que funcionarán como redes de colaboración integradas por servizos de asesoramento públicos e privados, centros de I+D e universidades, asociacións de produtores e sindicatos, entre outros.

Como punto de partida, o LaboraTe liderará a análise de sectores estratéxicos da bioeconomía  para Galicia e o Norte de Portugal.  A análise abordará específicamente para cada sector desde as tendencias globais e oportunidades ata as barreiras de entrada máis críticas, como o acceso á terra ou a complexidade burocrática. O obxectivo é deseñar un modelo de gobernanza que garanta que calquera persoa que desexe emprender no sector agrario e outras áreas de bioeconomía—especialmente mocidade e mulleres en zonas rurais— conte co acompañamento necesario para superar a falta de capital ou de coñecementos técnicos.

Para asegurar que todo o coñecemento xerado sexa accesible e útil, o proxecto lanzará DataTerra, unha plataforma dixital dinámica e de acceso aberto, que incluirá as seguintes ferramentas:

  • Visor SIG-web: mapas interactivos con recursos territoriais clave.
  • Bolsa de Coñecemento Experto (BdCE).
  • Academia Virtual Transfronteiriza.
  • Repositorio de Boas Prácticas, así como un catálogo de solucións e “pílulas demostrativas” onde os propios emprendedores compartirán os seus casos de éxito.

O Laboratorio do Territorio forma parte do consorcio deste proxecto transfronteirizo liderado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e financiado no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP). No consorcio tamén participan a Fundación Juana de Vega, a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT), a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT) e o Instituto Politécnico de Bragança (IPB).