Saltar ao contido

Curso: Revitalización Rural- Planificación territorial e resiliencia aos incendios

A crecente intensidade e frecuencia dos incendios, xunto co abandono do rural e os impactos do cambio climático, poñen sobre a mesa unha pregunta clave: como planificar e xestionar o territorio para facelo máis resiliente aos lumes?

Para abordar este reto, o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) organiza o curso “Revitalización rural: planificación territorial e resiliencia aos incendios”, unha proposta formativa que xa ten aberta a inscrición e que se desenvolverá nas próximas semanas no Campus Terra da USC.

O curso ofrece unha formación integral que combina teoría e práctica, abordando cuestións como a ordenación dos usos agroforestais, a recuperación da terra agraria, a planificación forestal ou o papel da actividade agraria na dinamización do rural. Ao longo de dúas xornadas intensivas, o alumnado poderá coñecer de primeira man ferramentas e metodoloxías innovadoras para a xestión sostible do territorio.

O programa inclúe tamén obradoiros prácticos nos que se traballará con solucións tecnolóxicas avanzadas, como sistemas de apoio á toma de decisións en planificación territorial ou ferramentas para a reestruturación parcelaria e o deseño de infraestruturas verdes. Trátase dunha formación orientada á aplicación real, que facilita a adquisición de competencias útiles para profesionais e persoas interesadas no ámbito rural.

O curso conta cun equipo docente multidisciplinar con ampla experiencia en planificación territorial, prevención de incendios, tecnoloxías xeoespaciais e desenvolvemento rural.

Esta actividade está especialmente dirixida a persoal técnico, investigador e estudantado vinculado ao territorio, aínda que tamén está aberta a todas aquelas persoas interesadas en contribuír á revitalización do medio rural e á construción de territorios máis resilientes.